Concentracións de traballadores/as en edificios xudiciais contra o desmantelamento da Administración de Xustiza

O sector de Xustiza da CIG critica que a Xunta do PP situou a Galiza á cabeza dos recortes nesta materia
A Coruña - 21 Set 2016
As organizacións sindicais con presenza no sector da Xustiza realizaron este mércores concentracións diante de edificios xudiciais da Coruña e Lugo para denunciar o desmantelamento da xustiza por mor das políticas de recortes do PP, alertando da grave falta de medios humanos e materiais para garantir un servizo público de calidade.  Dende o sector de Xustiza da CIG engaden que “non existe unha política pública sobre a Xustiza en Galiza ao servizo da cidadanía”.

As protestas realizáronse só na Coruña e en Lugo, xa que as concentracións que estaba previsto desenvolver en Pontevedra e Vigo foron denegadas pola Subdelegación do Goberno, quen alegou incumprimento no prazo de comunicación, "cando en ningunha ocasion anterior, a pesares de tampouco cumprir con ese prazo, se nos denegou nunca un acto deste tipo", sinalan dende CIG-Xustiza. 

Porén, a Xunta de Persoal de Pontevedra entende que esta decisión é unha represalia pola denuncia presentada ante a Xunta Electoral Local de Vigo en contra a decisión da Consellaría de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza de publicitar, en plena campaña electoral, o gañador do proxecto da Cidade da Xustiza de Vigo. Denuncia que a Xunta Electoral estimou, obrigando a adiar a data de presentación dos proxectos até despois das eleccións, xa que entende que non se causa ningún prexuízo ao interese público xeral. 

Así as cousas, o xoves, as mobilizacións continuarán nas cidades de Ourense e Ferrol.

Falta de persoal

Dende o Sector de Xustiza da CIG explican que a Xunta de Galiza veu impondo nos últimos anos amortizacións nos cadros de persoal dos xulgados do país, eliminándose máis de 100 prazas. Destas, 24 estaban en xulgados de paz, “o que demostra que traballan en todos os ámbitos para seguir a desmontar o rural galego”. A isto, cómpre sumarlle que as últimas oficinas abertas (hai 5 anos que Galiza non recibe ningún xulgado novo) contaron con cadros de persoal minguados.

Esta aposta polo desmantelamento da Xustiza, choca coa versión do propio goberno da Administración de Xustiza. A Sala de Goberno do TSXGZ vén de considerar imprescindíbel crear 6 novos xulgados e 2 prazas de maxistrado para órganos colexiados. Porén, a CIG considera que a petición do TSXGZ resulta insuficiente, pois “cos datos na man son máis os órganos xudiciais de urxente creación en Galiza”.

“Pero ao goberno do Partido Popular non lle abonda con iso para acabar coa xustiza e seguiu a sangrarnos”, engaden en referencia aos recortes salariais e sociais aplicadas as empregadas e empregados públicos. “Como ben é sabido, confiscounos a paga extra de decembro de 2012, criminalizándonos e responsabilizándonos da crise. Extra devolta “voluntariamente” en vésperas das eleccións... outra mentira máis, xa que foron os tribunais os que nos deron a razón”.

Galiza, á cabeza dos recortes

Neste senso, critican que a Xunta de Galiza sitúa á Administración de Xustiza á cabeza do Estado no que a recortes se refire. É a única comunidade de todo o Estado onde acontece isto:

-    Dende o ano 2013 até a actualidade, o persoal ten detraído un 40% das extras no CAT (Complemento Autonómico Transitorio), o que arroxa un montante de 10.000€ no caso das e dos médicos forense, 5.000€ ás e aos xestores, 3.880€ ás e aos tramitadores e 3.480€ aos e ás auxiliares.

-    Negativa a homoxeneizar o réxime de incapacidades temporais, impoñendo o decreto 169/2013 da Xunta fronte á Resolución da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do 22/12/2015 e ao acordo do CXPX do 12/06/2013. Desatenden as recomendacións do propio Ministerio de Xustiza transmitidas na conferencia sectorial de xustiza. “Esta discriminación fai que mentres uns funcionarios/as da Admón. De Xustiza (xuízas, xuíces, letrados, letradas fiscais e compañeiros/as con destinos no resto do Estado) poidan enfermar de gripe, hepatite, sarampelo, varicela, procesos oncolóxicos, ... sen sufrir descontos, quen prestamos servizo en Galiza témolo prohibido”.

-    Enriquécese ilegalmente a conta dos/as traballadores/as en substitución (reguladas no artigo 527 da LOPX). Mentres no resto do Estado se aplica a máxima de a igual traballo, igual retribución, “a Xunta volve a distinguir entre funcionariado de primeira (neste caso titulares e interinos/as) e funcionariado de segunda (titulares en substitución), roubándolle parte das retribucións correspondentes ao corpo onde desempeñan as súas funcións”, denuncian.

-    Así mesmo, o goberno da Xunta négase a avanzar na implantación da nova oficina xudicial. “O único que fixo foi publicar dous Decretos hai 6 anos. Cómpre implantar xa as Unidades Técnico-Administrativas para dar resposta aos problemas organizativos da xustiza galega”, urxen dende o sector de Xustiza da CIG.

A situación nos Xulgados de violencia sobre a muller

Estes xulgados, pola materia da súa competencia, teñen unha problemática específica. A falla de medios humanos, a escasa formación, os medios materiais insuficientes ou a ausencia de espazos acondicionados “é inadmisíbel”.

A CIG reclama a creación de novos xulgados especializados nesta materia (xa que en toda Galiza só hai 2, e o resto teñen tarefas compartidas entre civil, penal, decanato e rexistro civil); formación específica para o seu persoal; a súa dotación con ferramentas informáticas axeitadas e con espazos habilitados para unha atención digna da vítima. “Tamén consideramos necesaria unha adecuación salarial acorde co traballo e horario realizado. Estes puntos son básicos para acadar unha resposta xudicial áxil, cunha mellor información e protección das vítimas”, aseveran.

Por todo iso, conclúen que “non existe unha política pública sobre a Xustiza en Galiza. Hai que implantar unha xustiza en galego. Hai que pola ao servizo das e dos cidadáns, mellorando a atención coa cidadanía e as vítimas, cómpre unha xustiza de proximidade. Hai que dotala coas tecnoloxías da información e da comunicación.  Hai que configurala cunha organización eficaz, implicando e recoñecendo o labor profesional das empregadas e dos empregados públicos da xustiza”.