Condena a El Corte Inglés por consentir o acoso sexual e moral a unha traballadora

A empresa e un xefe de tenda deberán indemnizar a vítima con 30.000 euros
A Coruña - 27 Xan 2017

O Xulgado do Social nº 3 de A Coruña vén de condenar a un xefe de tenda e a EL CORTE INGLÉS, S.A. por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora do centro de oportunidades de Altamira (Cambre) por acoso sexual e laboral. Na resolución tamén se  condena a empresa e ao responsábel da tenda a indemnizar a traballadora solidariamente na contía de 30.000 euros.

Órganos ineficaces

Aínda que El Corte Inglés conta cunha Comisión Instrutora de Tratamento de Situacións de Acoso, e a pesar de que o citado órgano investigador aplicou a incoación dun protocolo preventivo, este foi inoperativo e ineficaz, o que deixa en tela de xuízo a existencia destes mecanismos preventivos creados polas propias empresas, cuxa función, ten carácter puramente propagandístico, coa única función de proxectar a imaxe dunha empresa solvente e garante dos dereitos das traballadoras.

Consta acreditado na sentenza que El Corte Inglés, a pesar de existir probas evidentes do acoso que sufría a traballadora, que incluso chegou a activar o protocolo de tratamento que existe na empresa para afrontar estas situacións, non tomou ningunha medida preventiva, deixándoa na máis absoluta indefensión.

El Corte Inglés negou a existencia de acoso

A actuación de El Corte Inglés en todo momento foi a de negar a existencia do acoso e isto aínda teño pleno coñecemento de que a traballadora se atopaba de baixa laboral por síndrome de estrés postraumático con causa no acoso laboral. Denegóuselle á vítima o traslado de centro que solicitara para protexerse da conduta denunciada sen máis motivo que minar as súas forzas.

A este respecto, a xuíza subliña que neste caso "non pode dicirse que a situación denunciada fora puntual ou episódica, senón todo o contrario, moi prolongada no tempo, o que significa que calquera tipo de control brillou pola súa ausencia. A empresa debería ter implantado os controis necesarios para evitar este tipo de condutas", ás que non puxo remedio nin tras intervir a Inspección de Traballo.

Persecución constante, ameazas, humillacións...

Os feitos denunciados remóntanse a finais de 2013, cando a traballadora (que leva na empresa dende o ano 2002) foi destinada ao centro de Altamira. O que nun principio parecía un trato amigábel por parte do xerente, converteuse pronto nunha manifesta actitude de acoso sexual. Ante o rexeitamento da traballadora ás insinuacións e tocamentos, o xefe comezou unha persecución laboral contra dela, na que tamén involucrou a outros encargados do centro.

Empezaron entón os insultos, as humillacións diante de compañeiros/as e clientes/as, as chamadas de atención continuadas, denegacións de permisos, ameazas de despedimento, difusión de rumores falsos sobre a vítima, vexacións, etc. Esta persecución constante deteriorou a saúde da traballadora, que sufriu varias crises nerviosas e finalmente diagnostícaselle un cadro ansioso-depresivo derivado desta situación de acoso, tendo que recibir terapia psicolóxica por estrés postraumático.

A dúas bandas

Este procedemento, de gran complexidade dados os continuos obstáculos que a empresa empregaba para ocultar os acosos denunciados, foi dirixido tecnicamente por Sandra Garrido, letrada da equipa xurídica de A Sensu Contrario, en colaboración coa avogada Lidia Vázquez Méndez, da asesoría xurídica da CIG da Coruña.

En outubro de 2015, ao non poder aturar máis esta situación, a traballadora solicita a activación do Protocolo contra o acoso ante a Comisión Instrutora de Tratamento de Situacións de Acoso do Corte Inglés (CITSA). Nese momento, volve pedir un cambio de centro de traballo (xa o solicitara sen éxito en maio dese ano) para que se garanta o seu dereito "a unha contorna libre de condutas e comportamentos hostís ou intimidatorios, garantindo así o dereito á dignidade e á integridade física e moral".

A empresa impide o cambio de centro

En todo momento, El Corte Inglés negou a existencia do acoso e impide mesmo o traslado de centro de traballo como medida de protección. Esta resolución, carente de todo fundamento e que só se pode entender como un castigo, deixa en total desamparo e indefensión á traballadora, que, ante a inacción e insensibilidade da empresa decide presentar denunciar na Inspección de Traballo (que motivou un requirimento á empresa que non abarcaba a gravidade dos feitos denunciados e contra o que se puxo a correspondente reclamación).

Denuncia na Garda Civil

Posteriormente, o 15 de decembro de 2015, a traballadora, ante a inacción da empresa e as institucións, interpón denuncia no Cuartel da Garda Civil de Culleredo que deu lugar ás Dilixencias Previas 24/2016 no Xulgado de Instrución nº 5 de A Coruña- actualmente, en fase de instrución por se, a gravidade denunciada e constatada nesta sentenza, puidera revestir delito-. Xa por último, interpúxose pola traballadora a demanda de protección de dereitos fundamentais na xurisdición social que deu lugar a esta sentenza que é a primeira en resolver a cuestión.

Cultura empresarial machista

Desde a Secretaría das Mulleres da CIG denuncian que non estamos ante un caso illado. Pola contra, son numerosos os casos de empresas que agochan unha cultura empresarial machista baixo protocolos de prevención e actuación ante o acoso que non tramitan ou abren, sabendo de antemán que non se van investigar ou sancionar. Que protexen e amparan o acosador en situacións de acoso sexual, laboral, e por razón de sexo, sabendo que contan co illamento social da vítima, coa complicidade en moitos casos de boa parte do cadro de persoal ou da dirección da empresa.

 "Só grazas á loita de mulleres como esta traballadora e doutras traballadoras que desafiaron o poder estabelecido, que foron quen de distanciarse do medo, do terror, da persecución e das coaccións dunha gran empresa,  conseguiremos combater unha das vulneracións de dereitos fundamentais e unha das manifestacións máis violenta levada a cabo polo patriarcado nas empresas", subliña Margarida Corral, Secretaria Confederal de Muller da CIG.