A xustiza condena a EXOGA, que despediu traballadores en represalia por denunciar impago de salarios

Declara a improcedencia da medida aplicada pola construtora

Santa Comba -

A Xustiza vén de dar a razón aos traballadores de EXOGA e declara a improcedencia dos despedimentos executados pola empresa o pasado verán, condenando a readmisión e/ou indemnización dos mesmos. Cómpre lembrar que a construtora de Santa Comba procedeu ao despedimento disciplinario deste persoal como represalia por ter denunciado na Inspección de Traballo a falta de cobro das nóminas e cando estaba pendente de celebrarse unha reunión entre a dirección e a CIG para abordar a situación destes operarios.

Ademais da improcedencia, o xulgado considera inxustificado a falta de pago dos salarios, xa que a empresa percibía puntualmente as cantidades correspondentes por parte da Deputación da Coruña -para quen EXOGA realizaba obra pública-.

A Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña valora positivamente estas sentenzas que veñen a dar a razón a uns traballadores que logo de anos prestando servizos satisfactoriamente e de aturar unha situación de até catro meses de impago, "foron vítimas dunha represión inxustificada por defender os seus dereitos laborais e acusados de negarse a traballar, baixar o rendemento, etc. Agora vemos que o que agochaban estas mentiras era unha actuación empresarial absolutamente abusiva por parte de coñecidos empresarios da zona de Santa Comba que levaban anos actuando con impunidade", asevera Mario Maceiras, da FCM-CIG.

Actuación do SEPRONA

Neste senso, cabe subliñar que recentemente a Consellaría de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a empresa por soterrar ilegalmente e durante anos toneladas de refugallos de construción nunha parcela rural de Santa Comba. Esta ilegalidade foi denunciada pola CIG diante do SEPRONA que, logo da realización das catas adecuadas, comprobou a existencia dos vertidos contaminantes.

Apoio da Corporación de Ribeira

Así mesmo, a CIG e os traballadores afectados por esta situación queren agradecer á Corporación Municipal de Ribeira (concello no que a empresa realizaba obras no momento do conflito), o apoio dado ao persoal, coa aprobación por unanimidade da moción presentada polo grupo do BNG en respaldo a este colectivo. De igual xeito, quérese agradecer a veciñanza da zona a súa paciencia ante as posíbeis molestias causadas a consecuencia desta lamentábel situación da que os traballadores non eran responsábeis.

Volver