Confírmase a liquidación de Confecciones Guerral, unha das principais compañías téxtiles da comarca do Deza

Máis de 30 traballadoras/es, algunhas con máis de 40 anos na empresa lalinense, quedarán na rúa
Lalín - 05 Dec 2017

A FGAMT-CIG de Pontevedra confirmou hoxe que o administrador concursal de Confecciones Guerral de Lalín, unha das principais empresas do sector téxtil da comarca do Deza, vén de asinar a liquidación da compañía. Dende a central denuncian que máis de 30 traballadoras/es, algunhas con máis de 40 anos de antigüidade, quedarán na rúa tras máis de catro meses sen cobrar.

Xabier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a un grupo de traballadoras de Confecciones Guerral para informar sobre o proceso que culminará co peche da penúltima grande empresa téxtil da comarca unha vez que en 2014 solicitara concurso voluntario de acredores. “A desidia e as presuntas pelexas entre as irmáns propietarias, Ángeles e Milagros Guerral, levan a unha compañía rendíbel á liquidación”, indicou.  

Dos case catro millóns de débeda, 3,3 pertencen ás propietarias e o resto a pagos pendentes a provedores, soldos e despidos

Ao mesmo tempo, lembrou que as traballadoras/es levan catro meses sen cobrar, polo que a débeda da empresa (pagos a provedores, salarios e despedimentos) pasou dos tres millóns de euros en 2015 aos case catro da actualidade. Destes, a maior parte corresponde á debeda acumulada polas propietarias (3,3 millóns fronte a 400.000 euros).

Aboi amosouse moi crítico coas propietarias, xa que a pesar de contar cun capital inmobiliario de máis de 13 millóns de euros “deixan tiradas a máis de 30 persoas, o 90% mulleres e nunha idade moi complicada”. Ademais, asegurou que xa están a montar unha nova empresa en Lalín, “visitando a provedores e clientes, e dicíndolles que son a mesma xente de Guerral”. Diante disto, pregúntase que por que non actúa nin a xustiza nin a Xunta, “cando só ao Igape lle deben máis de 350.000 euros”.

Enfrontamentos entre as socias

En canto ao proceso, explicou que se iniciou en 2014 coa presentación do concurso de acredores e que a partir de entón houbo negociación con Facenda, Seguridade Social e provedores e chegouse a un acordo en 2015. “A débeda das propias socios até ese momento era de 2,1 millóns, mentres que 900.000 euros correspondían ao resto (Facenda, Seguridade Social e traballadoras/es)”.

Segundo o acordo, as dúas irmás propietarias, que se repartían a empresa ao 50%, terían que pagar un 15 do total durante o primeiro ano (2016), “cantidade que non abonaron completa, só unha parte”. E neste ano deberían liquidar o 8%, “nada inasumíbel”. Mais continuaron sen abonar as cantidades pactadas. “Non pagaban, non facían toda a produción e o muestrario de productos desapareceu; comeza a haber atrasos; e pelexas entre as dúas socias porque unha lle quitou os poderes á outra".

Penúltima grande empresa do sector na comarca

Neste contexto, tal e como censura Aboi, as que pagan os pratos rotos son as pouco máis de 30 traballadores/as que quedan, “cando non hai moitos anos era máis de 100 empregados/as”. Os establecementos da marca tamén desapareceron, xa que unicamente quedan abertas as tendas de Lugo e Iruña.

“Antes do verán xa se falaba do peche da empresa, e hai unha acta da reunión dos administradores concursais na que acordan disolver a sociedade; cando o descubrimos sentamos ás dúas irmás, e unha delas dixo que estaba disposta a coller a empresa”. Pero posteriormente presentan un papel no Xulgado pedindo a disolución a nome sunha persoa que non figuraba como administrador da sociedade.

“Despois do verán comeza o espectáculo: nomean administrador concursal para liquidar a empresa, que se asina a semana pasada; agora o que queremos é que se axilice o proceso para que a xente polo menos poida cobrar en xaneiro, xa que as propietarias si que van cobrar do Fogasa polos seus despidos”.

Na actualidade todo sigue igual: “están aclarando as contas, quen pagou e quen non, quen levou centos de prendas para as tendas da familia Guerral sen que aparezan os cartos, por iso temos sospeitas de que non todo se facturaba, polo que estariamos a falar de diñeiro negro”.

Tras a liquidación de Confecciones Guerral, a penúltima grande empresa téxtil na comarca do Deza tras o peche de Montoto e Toypes, a única compañía de certa entidade que queda neste sector é Florentino, “que se atopa en estado catotónico e con despedimentos cada certo tempo”.