Conflito Rusia - Ucraína: unha segunda ollada

Atilio A. Boron - 28 Feb 2022

A operación militar lanzada contra Ucraína é a consecuencia lóxica dunha inxusta situación política, ou o punto final ante o que Boaventura de Sousa Santos diagnosticara como “a absoluta ineptitude dos líderes occidentais” para se decataren de que non hai nin haberá seguridade europea se esta non se garante tamén para Rusia

 A medida que se estende a ocupación rusa en Ucraína -e digo “ocupación” por usar o termo aplicado ás invasións que contan coa bendición dos poderes establecidos: ocupación de Iraq, de Libia, de Siria, dos territorios palestinos, etcétera- multiplícanse os interrogantes sobre a natureza e significado desta operación. De entrada, imponse desbotar por completo as supostas “verdades” e “evidencias” fornecidas pola prensa occidental desde as súas naves insignias en Estados Unidos e Europa porque o que difunden eses medios é unha descarada propaganda.

 Abofé, desde un punto de vista estritamente militar é certo que Rusia “invadiu” Ucraína. Mais como “a guerra é a continuación da política por outros medios”, recordaba von Clausewitz, ese despregamento militar debe ser cualificado e interpretado en función das premisas políticas que lle outorgan o seu sentido. Isto é o que tentaremos facer a continuación.

 E esas premisas son moi claras: Rusia adoptou esta medida excepcional, e que en abstracto merece unha condena, como resposta a trinta anos de ataques iniciados tras a caída da Unión Soviética. Hai xa un tempo que Vladimir Putin coa súa habitual contundencia lles dixo aos líderes occidentais: “vostedes non se contentaron con derrotar a Rusia na Guerra Fría. Vostedes humillárona”. A loita política (e militar) non é un exercicio abstracto ou un concurso de xestos ou frases retóricas. Por iso o que nun cómodo plano da intelección as cousas se presentan cunha clareza absoluta e sen fendas na dura loita na lama e sangue da historia a tal “invasión” aparece cun significado completamente distinto: como a reacción defensiva ante un acoso interminábel e inxustificado.

 Unha vez desintegrada a URSS, Rusia disolveu o Pacto de Varsovia, estableceu un réxime político ao estilo das democracias europeas, restaurou con métodos mafiosos un capitalismo profundamente oligárquico, abriu a súa economía aos capitais estranxeiros e mesmo xogou coa idea de se incorporar á OTAN. Porén, malia todo ese esforzo de adaptación ao consenso ideolóxico-político occidental Rusia igual seguiu sendo considerada como un actor aberrante no sistema internacional, do mesmo xeito que nos tempos soviéticos, como unha inimiga da cal hai que se protexer e, ao mesmo tempo, evitar que se protexa porque se a seguridade internacional é algo non negociábel para Estados Unidos e os seus aliados europeos tal privilexio non se lle recoñece a Rusia.

 A operación militar lanzada contra Ucraína é a consecuencia lóxica dunha inxusta situación política, ou o punto final ante o que Boaventura de Sousa Santos diagnosticara como “a absoluta ineptitude dos líderes occidentais” para se decataren de que non hai nin haberá seguridade europea se esta non se garante tamén para Rusia. Ineptitude dun liderado europeo merecedor tamén doutros cualificativos: miopes, corruptos, ignorantes e submisos até a ignominia fronte ao hexemonismo estadounidense que non dubidará en librar novas guerras en Europa ou no seu patio do Oriente Medio cantas veces conveña aos seus intereses.

 Esta falla de liderado levounos primeiro a desprezar ou subestimar a Rusia (expresando unha difusa rusofobia que non pasa desapercibida para moitos rusos) e despois a demonizar a Putin, proceso no cal Joe Biden chegou a excesos inimaxinábeis no eido da diplomacia. En efecto, en plena campaña electoral e para demostrar a súa actitude de diálogo caracterizouno como o xefe dunha “cleptocracia autoritaria”. Nun texto publicado pouco despois do golpe de estado de 2014 Henry Kissinger, criminal de guerra pero a diferenza de Biden profundo coñecedor das realidades internacionais, escribiu, en troca, que “Putin é un estratego serio, en liña coas premisas da historia rusa” a pesar do cal en Occidente foi obxecto dunha sistemática subestimación. E remata o seu razoamento dicindo que “para Occidente, a demonización de Vladimir Putin non é unha política; é unha coartada para cubrir a ausencia dunha política”.  Nese mesmo artigo, altamente recomendábel para a esquerda posmoderna cada día máis confundida, tanto en Latinoamérica como en Europa, o exsecretario de Estado de Nixon ofrece unha reflexión necesaria para comprender a excepcionalidade da crise ucraína. É que para os rusos “Ucraína nunca poderá ser un país estranxeiro. A historia de Rusia comeza no que se coñece como Kievan-Rus”. E é por isto polo que aínda tan agres disidentes do sistema soviético como Alexander Solzhenitsyn e Josep Brodsky “teimaban en sinalar que Ucraína era unha parte integral da historia rusa, e polo tanto de Rusia”. Ningún dos líderes de Occidente semella ter a menor idea deste legado histórico, decisivo para comprender que Putin trace a “liña vermella” da OTAN precisamente en Ucraína.

 Estas referencias, que parecen alentar unha actitude escapista ou negacionista ante o horror do momento actual, son imprescindíbeis para comprender o conflito e, eventualmente, resolvelo. Por iso cómpre ler o que en 2014 escribiu un internacionalista estadounidense, John Mearsheimer, cando Washington montou en conxunción coas bandas nazis o golpe de estado que derrocou o lexítimo goberno de Víktor Yanukóvich. Nese artigo o profesor da universidade de Chicago dixo que a crise ucraína e a recuperación de Crimea realizada por Putin é “culpa de Occidente”, da súa torpe xestión das relacións con Moscova. Engadía tamén que calquera presidente de Estados Unidos reaccionaría con violencia se unha potencia como Rusia precipitase un golpe de estado nun país lindeiro, digamos México, depuxese un goberno amigo de Washington e instalase no seu lugar a un réxime profundamente antiamericano. (“Why the Ukraine crise is the West fault”, en Foreign Affairs, Vol. 93, Nº 5, setembro-outubro 2014).

 En suma: as aparencias non sempre revelan a esencia das cousas, e o que a primeira vista parece ser unha cousa -unha invasión- vista desde outra perspectiva, e tendo en conta os datos do contexto, pode ser algo completamente distinto.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, 28 de decembro de 2022]