Constitúese a Mesa de Negociación para o sector TIC no Consello Galego de Relacións Laborais

A CIG demanda un convenio propio que garanta condicións dignas

Nacional -

O pasado 12 de xuño constituíase, no Consello Galego de Relacións Laborais a mesa para negociar un convenio colectivo no sector  das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Na xuntanza, convocada a instancias da presidenta deste organismo, participaron os sindicatos maioritarios e as organizacións empresariais do sector . A esta reunión chegábase logo de catro anos de mobilizacións da CIG-TIC.

As/os representantes da CIG na xuntanza explican que para as dúas organizacións patronais convocadas, o principal problema do sector “é a imposibilidade da retención do talento, debido á gran demanda de profesionais cualificados e cualificadas que se necesitan e que, en palabras textuais dun dos representantes, será a tónica nas TIC durante os vindeiros anos”.  

Sinalan ademais que estas organizacións patronais consideraron que “ninguén cobra o fixado en convenio, senón por riba das cifras marcadas neste, agás profesionais recén chegados/as e durante tres, seis meses, ao termo dos que se aumentaría a retribución salarial”.

Fronte  a isto, e polas cifras que manexan, as/os representantes da CIG discreparon xa que “sabemos de moitos e moitas profesionais que cobran o mínimo estipulado en convenio, así como doutros/as que reciben a maior parte do soldo como complementos a ese mínimo marcado no convenio”.

Xunto a isto sinalaron a "heteroxeneidade" dos convenios, que “parecían descoñecer” e que provocan que haxa “compañeiros e compañeiros de empresas co convenio chamado de consultorías, outras co de enxeñerías, mesmo algunha empresa con dous e tres convenios aplicándose a traballadores e traballadoras na mesma categoría e situación”.

Representación sindical que cuestiona un convenio galego porque “elevaría os custos salariais”

Porén, para as/os representantes da CIG na xuntanza “o esperpento” chegou cando tomaron a palabra os representantes de CCOO e UGT. “Escoitar de representantes da clase traballadora(en teoría) que non están a prol dun Convenio TIC galego porque iso elevaría os custos salariais fíxosenos algo difícil de asimilar –aínda que sabemos que cada vez é máis habitual que coincida o discurso da patronal co dos sindicatos estatais-. Escoitar que os representantes galegos dos sindicatos estatais (UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia) din que un convenio galego pode promover a deslocalización, cando a patronal indicara no seu primeiro turno que, ao contrario, o que teñen as empresas é un problema de retención do talento e que o que buscan é talento e xente cualificada, parécenos unha farsa. Escoitar que un delegado de Comisións di que xa existe un convenio de referencia -o estatal de consultorías-, cando  acaban de impugnar eles mesmos varios artigos dese convenio recén aprobado por eles, indica ben ás claras a "calidade" do convenio de consultorías que, desgraciadamente, é de aplicación na maioría das nosas empresas”.

Convenio TIC galego digno

A CIG do sector TIC lembra que levan anos mobilizándose por un convenio TIC galego digno, que sexa realmente sectorial, que acabe co mare mágnum de convenios que se aplican ás traballadoras e traballadores do sector, desde o de Consultorías, pasando polos de Enxeñerías ou Oficinas e Despachos até chegar mesmo ao de Metal. Un convenio que cree traballo de calidade, que non obrigue á xuventude, saída das universidade e institutos de FP, a emigrar por non existir unha perspectiva razoábel de carreira laboral que cobra aspectos inexistentes ou deficitariamente cubertos nos convenios empregados no sector, como as gardas 24x7, o teletraballo, medidas de conciliación varias ou a formación dos traballadores e traballadoras.

Defensa “a ultranza do convenio estatal”

Por iso desde a CIG TIC consideran que a defensa a ultranza do convenio estatal de consultorías por parte dos sindicatos españois, que valoran como un acordo que se pechou en falso despois de practicamente 9 anos de negociación, “é absolutamente contraproducente para a clase traballadora e non se achega nin de lonxe ás necesidades de regulación que ten o sector TIC, polas especificidades do traballo que nel se desenvolve”.

Sinalan ademais que esa defensa a realizan “no marco da reforma laboral de 2012, asinada por Mariano Rajoy, que promoveu a centralización dos convenios colectivos a nivel estatal para afastalos dos propios traballadores e traballadoras e polo tanto do seu control e participación”.

Unha reforma laboral que, xunto coa do 2011 asinada polo PSOE, a CIG esixe que sexan derrogadas, “para o que estamos dando xa pasos coas mobilizacións deste próximo 19 de xuño”, aseguran.

Marco Galego de Relacións Laborais

Entenden ademais que esta é unha gran oportunidade “para establecer un marco galego de relacións laborais para o conxunto das TIC. Beneficioso tanto para os compañeiros e compañeiras do sector, como para as empresas galegas”.

Un marco galego que, de reflectir o estado actual e real desta área económica, “serviría para dar pulo tanto á actividade empresarial como as condicións de traballo existentes”.

Por iso aseguran que desde a área TIC da CIG “non imos deixar que certos intereses particulares -como a defensa dun escandaloso convenio de consultorías estatal- prexudiquen un acordo que favorecería a todas as partes implicadas, nomeadamente aos compañeiros e compañeiras que diariamente confían no noso labor para mellorar as súas condicións de traballo”.

Volver