Consultas pechadas, falta de servizo médico ou cupos excesivos, consecuencias da política sanitaria do PP

A CIG-Saúde da Mariña alerta da perda de calidade asistencial nos centros de saúde da comarca

A Mariña -

Segundo as recomendacións que recollía o Plan Mellora de Atención Primaria, o cupo máximo que debera asumir cada profesional sanitario sería de 1.200 cartillas, pero no caso dos centros de saúde da Mariña, “polo abandono que se está producindo, as e os profesionais vense obrigados a asumir máis de 3.000 cartillas”. Así o denuncia a CIG-Saúde da Mariña, quen acusa desta perda de calidade asistencial á “política destrutiva” levada a cabo nos últimos anos polo equipo xestor da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte.

Unha política de amortización de prazas nos centros de saúde, de falla de cobertura das ausencias de profesionais, de contratación en precario por días e incluso por horas, “que provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca”, lembran dende a central sindical.

A metade das consultas, pechadas

A modo de exemplo,  CIG-Saúde describen o que  está a acontecer en centros de saúde como o de Foz, no que o día 7 de decembro só había tres médicos/as dos/as seis habituais, ao que habería que sumar a ausencia da pediatra. Lembran que neste centro de saúde leva pechada unha consulta médica dende o mes de setembro por ausencia da persoa titular.

No centro de saúde de Viveiro, o luns 11 de decembro, de sete consultas médicas en quenda de mañá, catro delas estaban pechadas, “ao que teríamos que engadir outra consulta pechada na quenda de tarde e a ausencia dun pediatra dos dous existentes”. Do mesmo xeito atopábanse pechadas dúas consultas de enfermaría, a da traballadora social e a da farmacéutica, implicando esta última o desprazamento das e dos pacientes de Viveiro ao centro de saúde de Burela.

“Hoxe mesmo chegáronnos queixas dende o centro de saúde de Ourol pola falta de servizo médico, derivando os doentes e as doentes deste Concello cara o xa saturado centro de saúde de Viveiro”, afirman.

Para CIG-Saúde é fundamental recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos en todas as categorías sanitarias e non sanitarias para garantir a calidade asistencial, a estabilidade laboral e acabar coa precariedade que presenta o sistema.

Desmantelamento intencionado da sanidade

Segundo CIG-Saúde da Mariña, este é o modelo que o goberno de Feijóo e o PP promoven e impulsan a través dos xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte “e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando as e os seus profesionais, co obxectivo de trasladarlle á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública”.

Para CIG Saúde  é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade “fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio”.

Volver