Continúa a folga de 48 horas continuadas na estiba

Nacional -

A segunda xornada da folga de 48 horas ininterrompidas na estiba está rexistrando, novamente, un seguimento masivo.  Os traballadores e traballadoras do sector manteñen firme a demanda de subrogación, como única garantía de mantemento de todos os empregos actuais, no proceso de liberalización que atravesa o sector. No Porto de Ferrol (a onde pertencen as imaxes) hoxe tampouco houbo actividade e o persoal desenvolveu unha concentración nas inmediacións da oficina de turismo do porto.

A CIG denuncia que aproveitando a sentenza do tribunal europeo que obriga a regular a contratación, o goberno español pretende sacar adiante unha normativa que facilita ás empresas que agora integran a Sagep, poder desfacerse do 75% do cadro de persoal en tres anos, "mesmo pagando as posíbeis indemnizacións con cartos públicos, para que despois mediante unha especie de bolsa de emprego poidan contratar cando o precisen".

O paro de 48 horas remata mañá ás 08:00 horas e na xornada do venres está prevista unha nova xuntanza das organizacións sindicais coa patronal Anesco..

Volver