Continúa a folga no sector de xustiza ao pechar sen acordo a última xuntanza

Os sindicatos convocantes manteñen as mobilizacións previstas

Nacional -

A xuntanza celebrada este luns entre o comité de folga de xustiza e os directores e subdirectores de Función Pública e Xustiza rematou sen acordo. Continúa así a folga indefinida e mantéñense as mobilizacións convocadas para os vindeiros días, nomeadamente as manifestacións que están previstas para o vindeiro xoves nas distintas cidades galegas, e as asembleas nas que o comité de folga explicará en que consistiu a xuntanza.

Segundo explica Oscar Freixedo, representante da CIG no comité de folga, os representantes da administración preferían centrar na cuestión económica o debate e ofreceron unha suba duns 15 euros por corpo respecto da proposta que presentaran con anterioridade. Deste xeito agora a proposta da Xunta sería dun incremento de 90€ para Xestión; de 76€ para tramitación e de 68€ para auxilio.

Ademais reducirían as tres anualidades a dúas aplicando o 50% dese incremento para 2019 e o 50% restante para 2020, unha diferenza tamén respecto da proposta anterior xa que do outro xeito a suba completaríase en 2021.

Fronte a isto, a proposta sindical foi de incrementos de 100€ para 2018, que aceptarían que se atrasaran até marzo, cando a administración conta con que estean aprobados os orzamentos xerais do Estado, desaparecendo así a restrición de incremento retributivo para 2018.

O resto das subas serían de 75€ para 2019 e de 50€ para 2020, acadando un incremento total de 225 euros.

Negociación global, non só económica

Con todo, para as/os representantes do comité de folga os temas a abordar terían que ir máis alá da cuestión económica. Neste sentido, Freixedo explica que foron presentado as súas propostas punto por punto, limando asperezas na cuestión das amortizacións das 106 prazas previstas e no tema das 36 prazas de consolidación, posteriormente abordouse a cuestión as amortizacións e finalmente chegouse ao das baixas por incapacidade temporal. Un punto no que “a negativa da administración foi rotunda”, afirma o representante da CIG que explica que “consideraron que a distancia aínda era moita”.

Con todo, os representantes de Función Pública e Xustiza da Xunta de Galiza comprometéronse a volver convocar unha nova xuntanza esta mesma semana para seguir avanzando na negociación, polo que se manteñen as mobilizacións previstas, incluídas as manifestacións que previsibelmente se celebrarán o xoves ás 12:00 horas en todas as cidades galegas. Ademais entre este martes e o mércores, onde non sexa festivo, están convocadas asembleas para expor a todo o persoal do sector o falado na xuntanza.

Volver