Continúan as mobilizacións do persoal da limpeza do CHUAC en demanda da subrogación dunha compañeira

As protestas repítense cada xoves mentres non haxa unha solución para a traballadora
A Coruña - 22 Set 2016
Traballadores e traballadoras de limpeza do CHUAC volvéronse concentrar este xoves para denunciar a actuación das empresas concesionarias do servizo (Valoriza e Samyl) e demandar a subrogación inmediata dunha compañeira. As protestas véñense repetindo cada semana dende hai case un mes e non cesarán até que a traballadoras sexa reincorporada ao seu posto.

A traballadora despedida, explican dende a CIG-Servizos, foi trasladada por Valoriza do hospital no que viña prestando servizo dende había tempo a outro centro do CHUAC, do que tamén tiña a contrata da limpeza.

Porén, neste segundo hospital a concesión do servizo foi adxudicada á empresa Samyl, que se negou a subrogar a traballadora (tal e como estabelece o convenio de aplicación), alegando que non levaba o tempo mínimo necesario nese centro de traballo.

Pola súa banda, Valoriza tamén se negou a reincorporala aducindo que xa non tiña a concesión nese hospital. Deste xeito, denuncia a CIG-Servizos, a traballadora queda nun “limbo”, pois ningunha das dúas empresas a incorpora ao seu cadro de persoal, mais tampouco pode acceder ao desemprego porque non está despedida.

A vindeira semana a representación do persoal ten previsto reunirse co Director Xeral de Recursos Económicos da área sanitaria para trasladarlle a problemática laboral e pedir a interveción do Sergas, como titular do contrato, para que se proceda á subrogación inmediata da traballadora.