Contra a explotación en Froiz, implantación do rexistro da xornada xa!

CIG-Servizos realizou unha concentración diante dun supermercado da empresa na Coruña
A Coruña - 18 Nov 2016

A CIG-Servizos desenvolveu esta mañá unha concentración diante do Froiz da Avenida de Oza da Coruña para esixir da empresa que implante de xeito inmediato o rexistro de xornada, tal e como estabelece a lexislación e tal e como lle requiriu a Inspección de Traballo.

Aínda que a protesta estaba inicialmente convocada polo Comité, media hora antes da concentración CCOO descolgouse da mesma.

A pesares de que a Inspección de Traballo requiriu a Froiz a imposición do rexistro de xornada, a empresa négase a facer o control horario que estabelece a lexislación, pondo escusas para adiar sine die a implantación do mesmo. Ademais, explica Lucía Freire, da CIG-Servizos, Froiz tampouco achega información á representación sindical sobre o número de horas traballadas.

Neste senso, aclara que maioría do cadro de persoal de Froiz excede sistematicamente o límite legal de horas de traballo, superando as 40 horas semanais. Unha situación que afecta tamén ao persoal contratado a tempo parcial.  

"Por norma, cada traballadora ou traballadora fai unha hora máis ao día do que lle corresponde, con independencia da se está a xornada completa ou parcial", denunciou. "De feito,  hai un requirimento da Inspección de Traballo sobre as xornadas a tempo parcial, do que Froiz tamén fixo caso omiso".

Para atallar esta situación, presentouse conflito colectivo. O mércores houbo acto de conciliación pero rematou sen acordo xa que a empresa "continúa empeñada en non facer o rexistro".