Convocada concentración en Vilagarcía contra a discriminación do persoal de Thune Eureka

Mesmo teñen dúas categorías por baixo da de peón, respecto do convenio da provincia de Pontevedra
Vilagarcía - 27 Dec 2023

A CIG de Vilagarcía convoca para mañá xoves, día 28 de decembro, entre as 14:30 e as 15:30 horas, unha concentración ás portas de Thune Eureka, coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación do convenio, para denunciar a “inflexibilidade” da empresa e en demanda dunha mellora das condicións laborais.

Anxo Lúa, secretario comarcal da CIG-Industria de Pontevedra explica que se vén negociando o convenio de Thune Eureka desde o mes de setembro. A empresa, do Metal, ten convenio propio, pero está por debaixo do convenio provincial do sector, en Pontevedra, en algúns aspectos como nas baixas de IT por enfermidade común ou no relativo a xornada anual . “Tal é a discrepancia entre estes dous convenios, que até nesta empresa teñen dúas categorías por debaixo da de peón”, apunta.

Unha discrepancia que, segundo Lúa, a empresa “non está polo labor de resolver”, como tamén se nega, “nos incrementos salariais acordados, ao pagamento dos atrasos correspondentes a 2023”.

Por iso, desde a CIG-Vilagarcía se convoca a concentración prevista para mañá. Porque malia algún avance, como o de equilibrar a xornada do convenio de empresa co convenio provincial do Metal, ou nas condicións de baixas e nas propias licenzas, “nin queren recoñecer o pago dos atrasos, nin eliminar as categorías por debaixo de peón”.

Ademais, o convenio de Thune Eureka tamén está por debaixo do convenio de referencia  en temas como o de IT por enfermidade común. Neste sentido, Anxo Lúa sinala que “no provincial, en caso de hospitalización por IT, contémplase até o 100% de complemento pola baixa, durante tres meses, pero nesta empresa non”.

Por iso, a CIG-Industria conclúe que existe unha clara discriminación do persoal destas empresa respecto doutros traballadores do mesmo sector. Unha situación da que Lúa acusa á última reforma laboral xa que aínda que contemple que nos convenios de empresa os salarios non poden estar por debaixo do convenio de sector, “si pode haber IT que nas súas condicións recolla cuestións inferiores ao provincial ou pode ser que a xornada sexa máis alta do sector”.