Convocada folga en Dinahosting contra o cambio das quendas de traballo no departamento de Soporte

O paro será o xoves 16 de decembro e haberá concentración diante da empresa ás 11 horas
Santiago - 13 Nov 2017

O persoal de Dinahosting vén de acordar a convocatoria dunha folga no centro de traballo de Compostela para o xoves 16 de novembro, entre as 11:00 até as 15:00 horas, polo cambio substancial nas quendas de traballo que a empresa pretende impor no Departamento de Soporte. A empresa quere impoñer horarios partidos fronte os continuados que hai agora mesmo. Con motivo da xornada de paro, tamén está convocada concentración diante das oficinas da compañía (rúa Salvadas, 41, a altura da SGAE), ás 11 horas.

Con esta convocatoria de folga, que afecta a aproximadamente 95 traballadoras/es, demándase o mantemento das quendas tal e como se están a realizar agora, mentres non se chegue a un acordo entre as partes e se desenvolva un protocolo para a regulación das relacións laborais no servizo que garanta a adecuada prestación do mesmo no futuro.

Acordo para impulsar medidas de conciliación

O persoal de Dinahosting lembra que recentemente se asinou un convenio colectivo sen melloras salariais para o conxunto dos traballadores e traballadoras a cambio de impulsar medidas de conciliación, que se plasmarían en regulamentos internos. Un acordo que sería imposíbel de desenvolver de se impor ese cambio nas xornadas de traballo.

Renato Núñez, secretario de Organización da CIG-Compostela, lembra que ademais “o cadro de persoal tiña un compromiso histórico coa anterior dirección da empresa segundo o que a maior parte da xente, agás casos puntuais, estarían a xornada continua, como están agora no Departamento de Soporte".

Núñez denuncia tamén que á maioría das traballadoras e traballadores, cando foron contratados, “vendéuselles como un dos beneficios da empresa o horario continuo e nunca se lles indicou que a empresa puidera modificar os horarios sorpresivamente”.

Segundo explican os traballadores/as, os horarios do Soporte sempre foron indicados aos compañeiros/as, falando entre todos/as, e eran modificados atendendo ao acordado para despois implantalos. De feito no propio convenio especifícase que “os horarios laborais dos diferentes departamentos serán fixados por parte da dirección da compañía logo de consultar e, se fose posíbel, consensuar cos/coas representantes dos/as traballadores/as”.

Consulta previa

O propio convenio matiza que “os plans de implantación ou modificación de quendas presentaranse previamente ás/aos representantes das/os traballadoras/es co obxectivo de chegar a un acordo entre as partes que minimice o impacto da implantación ou modificación de quendas do centro de traballo afectado”.

O persoal denuncia que “nunca tal se fixo, nunca se nos consultou previamente e moito menos se consensuou”. Porén, especifican que desta volta si se seguiu o procedemento previsto e que, unha vez consultado co persoal, este decidiu en asemblea que non aceptaba a proposta dos horarios continuados.

Lembran que o responsábel do Soporte, nunha xuntanza, dixo que se lle ocorrera que podía facer outra proposta con varios horarios continuados que se foran solapando para cubrir os requirimentos da dirección. "O problema é que a proposta presentada non só tiña horarios continuados senón tamén partidos".

Tras da última xuntanza entenden que non existe vontade negociadora por parte da empresa e que os seus requirimentos son absolutamente inamovíbeis, máis cando pesa sobre o persoal a ameaza de converter contratos de xornada completa a tempo parcial de non se aceptar a súa proposta.