Convocan folga no comercio de alimentación de Pontevedra para os días 5 e 7 de decembro

A conxelación da antigüidade, detonante principal das dúas xornadas de folga de 24 horas en Gadis e Froiz, entre outros
Pontevedra (provincia) - 28 Nov 2016

Despois de sucesivas xornadas de negociación sen avanzos, tres co AGA como mediador, as multitudinarias asembleas convocadas o pasado domingo polas centrais CIG, UGT, CCOO e USO aprobaron por unanimidade a convocatoria de folga no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra para os vindeiros 5 e 7 de decembro.

Tal e como referiron desde a CIG-Servizos á prensa despois da tramitación da folga no rexistro da Xunta, en Vigo, “o concepto de antigüidade supón un incremento de 60 euros ao mes por cada cuatrienio, o equivalente aproximado ao 1,5% de cada nómina”. Coa súa conxelación, a cifra percibida na actualidade -que pode supor uns 900 euros/ano- deixaría de se incrementar, supóndolles aos traballadores/as do sector un empobrecemento paulatino dos salarios e unha notábel perda de poder adquisitivo.

Que supón a antigüidade, que pretenden conxelar?
  • 60 euros ao mes por cada cuatrienio,
  • Equivalente ao 1,5% de cada nómina
  • Uns 900 euros/ano

A respeito do incremento salarial, a patronal oferta un 0,5% para os dous vindeiros anos e un 1% até 2019 -cantidade claramente insuficiente para as centrais- pero sempre ligándoo a aceptar a súa plataforma, que contempla tamén a mudanza da xornada semanal de 40 horas pola de 1826 anuais para distribuíla baixo criterios de flexibilidade ou a de poder realizar contratos de obra e servizo sen limitacións. A tentativa de eliminar a promoción automática, que foi sinalada como outra das principais involucións, foi retirada en aras de lograr avanzar nas restantes materias da axenda patronal.

“Finalmente, propuxéronnos un plus ad personam de 50 euros ao mes, que suporía uns 750 euros líquidos anuais, moi por baixo dos 900 que supón a antigüidade”, indicaron desde a CIG-Servizos, subliñando que “as novas contratacións despois da sinatura do convenio nunca terían esa opción”.

A diferencia doutros convenios, este conta cunha cláusula de renovación automática para un ano, o que impide que a patronal conte coa baza a favor de tentar paralizar a negociación en base ao fin da ultra-actividade que contempla a reforma laboral. “Foi algo que logramos grazas á folga de 2013”, lembran.

Nova xornada de negociación

Mañá, martes 29, as centrais están convocadas a unha nova xornada de negociación coa mediación do AGA, na que agardan escoitar a eventual contraoferta que realice o empresariado, e que será valorada en novas asembleas de sector o vindeiro domingo ás 11:30 nos locais sindicais. 

A contraoferta do empresariado será valorada en novas asembleas de sector o vindeiro domingo ás 11:30

 Doutro xeito, se a patronal non retira o seu principal cabalo de batalla, os principais atinxidos pola folga dos días 5 e 7 serán os supermercados dos grupos Gadis e Froiz, en base á súa especial belixerancia nas negociacións. Tamén estarán chamados todos os traballadores/as de carnizarías, peixarías, froitarías ou mercados, entre outros, excluíndo os daquelas áreas que contan con convenios proprios ou estatais, como Lidl, Carrefour, Mercadona ou Alcampo.

“Escollemos datas significativas para obrigar á patronal a unha seria reflexión”, indican, alén de prever “unha boa participación”, tal e como se está a por de manifesto nas diferentes asembleas.