Convocada folga no metal de Lugo os días 14 e 21 outubro ante a falta de avances na negociación dos convenios

O 1 de outubro haberá unha primeira mobilización, ás 13h, no Polígono do Ceao
Lugo - 25 Set 2026

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO veñen de convocar dúas xornadas de folga no siderometal e no comercio do metal da provincia de Lugo ante a falta de avances na negociación de ambos os convenios colectivos. Os paros desenvolveranse os días 14 e 21 de outubro e previamente está prevista unha concentración para o 1 de outubro, ás 13:00 horas, nas rotondas de acceso ao Polígono do Ceao.

Estas convocatorias responden ao mandato dado polas diferentes asembleas do persoal celebradas nas últimas semanas, que aprobaron iniciar un calendario de mobilizacións de non producírense avances substanciais na negociación colectiva.

“A reunión deste venres confirmou a escasa vontade da patronal para chegar a un acordo. De feito, a representación empresarial nin sequera trasladou unha proposta en materia salarial nin de redución de xornada, abordándose só as cuestións menos relevantes”, critica Afonso Losada, responsable da CIG-Industria de Lugo-A Mariña.

Así mesmo, valora de xeito moi negativo a incapacidade da patronal para achegar ningún tipo de proposta, mais aló de pequenos temas “pero sen entregar novas propostas salariais nin de xornada”, a pesar do esforzo da parte social rebaixando as súas demandas.

Critica Losada a intención deliberada do empresariado de prolongar as negociacións e, neste senso, incide en que o persoal do sector non está en disposición de agardar máis polos seus convenios, tendo en conta a perda constante de poder adquisitivo debido ao medre da carestía da vida, e a necesidade de actualizar non só os soldos, senón tamén as condicións laborais e sociais.

Reivindicacións sociais

No tocante ás demandas da parte social, apunta que se reivindican subas do 7% por cada ano de vixencia do convenio e unha cláusula de revisión anual conforme ao IPC máis 1 punto para garantir así uns salarios que permitan unha vida digna e que se manteña a capacidade adquisitiva; reducir a xornada laboral un día por ano a partir de 2027; ampliar a cobertura nas baixas médicas; mellorar as licenzas; melloras na prevención e seguridade; ou medidas para combater a precariedade laboral que se está a instalar no sector.

O día 9 de outubro está fixada unha nova reunión da mesa de negociación e, de non producírense movementos significativos, as centrais sindicais fan un chamado ao conxunto do persoal do siderometal e comercio do metal para dar unha resposta contundente nas folgas do 14 e 21 de outubro, co firme convencemento de que só a través da loita se poderán lograr convenios dignos.