Convocada manifestación en demanda da inmediata convocatoria da OPE no servizo contra incendios

Para o vindeiro venres, día 14 de xullo, ás 10:30 horas, con saída da estación de autobuses de Santiago

Nacional -

CIG e CSIF anunciaron esta mañá en rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación para o próximo venres día 14 de xullo, ás 10:30 horas en Compostela, para denunciar o incumprimento do goberno do Partido Popular no que atinxe a oferta de emprego público do ano 2016 para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), convocada mediante o Decreto 19/2016, publicado no DOG do 07/03/16 e exixir a súa inmediata convocatoria.

Segundo explicaron na rolda de prensa o delegado da CIG en Medio rural en Pontevedra, Xesús Dorado, e o representante do CSIF, Juan Carlos Rivas, é imprescindíbel que se convoque xa Oferta Pública de Emprego (OPE) correspondente ao 2016 como persoal laboral.

Dorado exixiu o cumprimento do acordo asinado en setembro de 2016 entre a Xunta de Galiza e os sindicatos sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade onde se recolle a redución da taxa de precariedade ou temporalidade que segundo denunciaron “ascende a máis do 40% do dispositivo contra incendios”, mediante as correspondentes ofertas públicas de emprego para prazas de persoal laboral, previo a calquera proceso de funcionarización que se puidera acometer neste ámbito.

Xunto a isto, reiterou a denuncia do incumprimento, por parte da Xunta de Galiza, das súas propias publicacións e acusouna de alimentar a precariedade na propia administración pública, infrinxindo ademais “o compromiso da publicación das convocatorias de oposición a prazas de persoal laboral no SPDCIF”.

Neste sentido, lembrou que agora mesmo forman parte do dispositivo entre 1.800 e 1.900 traballadoras e traballadores, dos que preto de 800 non teñen a condición de fixos. De feito, moitos/as non traballan máis de tres meses en todo o ano o que impide ademais que teñan dereito a cobrar unha prestación por desemprego.

Outra parte importante deses 800, traballan un máximo de 9 meses, o que provoca, segundo Dorado, “unha enorme inseguridade laboral e desprotección”.

Por iso entenden que unha administración pública non pode permitir que parte do seu persoal estea nunha situación laboral como esta e exixen a convocatoria desta OPE que posibilitaría a progresiva conversión en persoal laboral fixo destes traballadores e traballadoras.

Para o representante da CIG, contar con persoal suficiente no dispositivo ao longo de todo o ano permitiría reforzar os labores de prevención durante os meses previos á tempada de alto risco.

Manifestación

A convocatoria da manifestación que terá lugar este venres foi acordada na asemblea de traballadores/as convocada o pasado día 21 de xuño. Unha xuntanza na que tamén se acordou unha recollida de sinaturas entre o persoal do SPDCIF que serán presentadas no rexistro da Xunta coincidindo coa mobilización.

Volver