Convocadas dúas xornadas de folga en Extel para o venres 14 e o martes 18

O venres haberá concentración ás 13 horas no Obelisco e unha acción conxunta coa Mesa demandando atención telefónica en galego
A Coruña - 12 Out 2016

As traballadoras e os traballadores de Extel volverán á folga este venres 14 de outubro e o vindeiro martes, día 18, para rexeitar o expediente de extinción formulado pola empresa que, de aplicarse, suporá o despedimento de 205 persoas na plataforma da Coruña, o 58% do total de empregados/as afectados pola regulación. Coincidindo coa convocatoria da folga de 24 horas, o Comité acordou realizar este venres unha asemblea informativa e unha concentración ás 13:00 horas no Obelisco.

Diante desta agresión laboral, a CIG acusa ás grandes compañías de telecomunicacións de xerar e fomentar a construción dun sector altamente precarizado, dependente e de fácil deslocalización, pois o mantemento dos empregos depende en todo momento dos intereses destas grandes empresas. En concreto, a central apunta á responsabilidade de Telefónica-Movistar no conflito que se vive en Extel, "pois o servizo de atención telefónica que se prestaba na Coruña non vai desaparecer senón que será levado a empresas da competencia ou ao estranxeiro, co único obxectivo de que Telefónica poida obter máis beneficios".

Neste senso,  subliñan que das decisións de Movistar non só depende o futuro dos 205 postos de traballo de Extel na Coruña (355 en todo o estado), senón que a problemática no sector vese agora agravada xa que a multinacional acaba de anunciar unha redución do tempo de atención á clientela realizada a través do 1004. De feito, Telefónica anunciou un recorte de tres horas ao día neste servizo e, segundo parece, no caso dos/as usuarios/as de tarxetas prepago a atención deixará de ser gratuíta e será prestada por un contestador.

"Esta decisión xa se traduciu en que no día de onte a dirección de Atento comunicou á representación sindical unha modificación substancial das condicións de traballo para o persoal que presta este servizo". Unha modificación que tamén afectará aos traballadores e traballadoras de Extel do 1004 e que, consecuentemente, suporá unha baixada na calidade da atención aos usuarios e usuarias.

"Telefónica non só precariza aos traballadores e traballadoras, senón que tamén maltrata aos seus propios clientes e clientas", denuncia a Sección Sindical da CIG. Por iso, afirman que "a Telefónica, que recibe substanciosas axudas públicas porque o servizo que realiza está considerado esencial para a comunidade, non lle importa nin o emprego nin a calidade do servizo que fai. O único que lle interesa é obter beneficios que logo reparte entre a alta dirección e os consellos de administración".

Dende a Sección Sindical da CIG fan un chamamento a todas as traballadoras e traballadores de Extel a secundar masivamente a xornada de folga deste venres e demostrar á empresa que "este ERE ímolo parar".

Accións conxuntas coa Mesa

Coincidindo coa folga, as Seccións Sindicais de Extel e a Mesa pola Normalización Lingüística acordaron unha serie de accións conxuntas encamiñadas a que Movistar garanta o total dos empregos na Coruña, imprescindíbeis para garantir a opción da atención en galego.As accións conxuntas acordadas entre as centrais sindicais e A Mesa foron as seguintes:

1- Chamadas masivas ao 1004 solicitando atención en galego: o vindeiro venres 14 de outubro de 10 a 11 da mañá e de 5 a 6 da tarde, coincidindo coa folga.

2- Ese mesmo día, na mesma franxa horaria realizarase unha acción nas redes socias facendo uso dos hashtag #NonAoEreEnExtel #QueremosGalego, etiquetando co HT #1004Responde e @movistar_es

3- Pedirlle a todos os concellos galegos que aproben mocións onde lle soliciten a Movistar atención en galego e a súa disposición de se mudaren a compañías que si dean esta opción.