Convocada folga na Inspección de Traballo pola falta de solucións aos graves problemas do organismo

Nacional - 09 Dec 2022

O persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social irá tres días á folga en resposta ao abandono do Ministerio de Traballo e do Ministerio de Facenda que continúan sen aplicar ningún dos puntos do acordo asinado coa maioría da representación social en abril do pasado ano.  A folga efectivizarase os días 21 de decembro e os días 25 de xaneiro e 22 de febreiro de 2023 ante a falta de interlocución co Goberno e o agravamento nas deficiencias da Inspección "que son cada día máis severas e máis palpábeis".

As centrais sindicais denuncian que "nin o Ministerio de Traballo, nin tampouco o Ministerio de Facenda e Función Pública se queren facer responsábeis da falta de solucións nun servizo como a Inspección de Traballo e Seguridade Social que soporta graves deficiencias desde hai anos".

Neste senso, critican que os ministerios levan ano e medio analizando o conxunto de solucións acordadas coa parte social o 7 de xullo de 2021, e consideran "incríbel" que un grupo de medidas tan básicas aínda que imprescindíbeis para ir avanzando nas numerosas deficiencias que carrexa a ITSS "poidan requirir, na súa análise, semellante período, agás que se trate da escusa para incumprir o acordo adoptado".

Para a representación do persoal constitúe unha irresponsabilidade "abandonar de semellante maneira o organismo e o seu persoal. É perigoso que desde os niveis políticos se engorde o discurso en defensa da Inspección sen que os compromisos e actuacións desde os devanditos niveis vaian na mesma dirección". Frustrar as expectativas de solucións creadas "é a fórmula máis efectiva para minar o bo funcionamento de calquera organización e, desgraciadamente, iso é o que se está facendo no ámbito desta institución".

"A representación do persoal non podemos permanecer impasibles observando como languidece a Inspección e como se dilúe o esforzo que cada día realiza o persoal para dar resposta aos servizos que demanda a cidadanía".  Por iso, acordaron convocar estes tres días de folga de 24 horas que atinxe a todos os centros de traballo e a todos os colectivos.