Convocan dúas xornadas de protesta en solidariedade coa folga das TCAE do hospital Ávaro Cunqueiro

O colectivo parará os vindeiros días 18, 21, 25 e 28 contra a obriga de trasladar as bolsas de roupa sucia
Vigo - 11 Xun 2018

A comisión de centro do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo chama a todo persoal a participar nas dúas xornadas de mobilización previstas para este martes 12 e o xoves 14 en solidariedade coa loita das Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE). O colectivo ten convocada unha folga para os vindeiros días 18, 21, 25 e 28 de xuño para rexeitar a decisión da Xerencia da EOXI de obrigalas/os a asumir o traslado das bolsas da roupa sucia, función que até o de agora realizaba a concesionaria.

Segundo explican dende a representación do persoal, coa folga e coas mobilizacións -que se desenvolverán ás 12:00 horas a carón da escultura do titán situada diante da entrada principal do centro sanitario- as TCAE queren defender a súa dignidade como traballadores/as, rexeitar o modelo de xestión do hospital e amosar que están dispostas/os a loitar polos seus postos de traballo e por unha sanidade pública e de calidade. 

As protestas terán lugar a carón da escultura do titán ás 12:00 horas

O conflito laboral iniciouse hai xa máis dun mes, cando a concesionaria da limpeza deixou de transportar as bolsas de roupa sucia dende a entrada das habitacións como viña realizando dende a apertura do centro sanitario. Ese mesmo día a Xerencia da EOXI tomou unilateralmente a decisión de que esa tarefa fose asumida polas/os TCAE, provocando un profundo malestar entre o persoal, que optou por iniciar mobilizacións diarias para evitar que esa tarefa repercuta no seu labor diario xa que entenden que non é a súa función, ademais de afectar negativamente á atención que se lle presta a pacientes e usuarios/as.

Dende entón desenvolveron numerosas protestas tanto no exterior como no interior do hospital, chegando a pecharse no vestíbulo principal ao longo de 24 horas durante varias xornadas, mobilización que abandonaron ante as ameazas da dirección. A súa loita contou en todo momento co apoio de boa parte do resto do persoal do centro sanitario, como así se evidenciou o pasado 25 de maio cando máis de medio milleiro de traballadores/as de todos os colectivos laborais participaron nunha manifestación polos arredores do dentro sanitario.