Convocan folga indefinida en Denso polos incumprimentos da empresa e o desacordo na negociación do convenio

Contratación, carga de traballo e suba salarial, principais diferenzas entre a firma viguesa e o persoal

Vigo -

O comité de empresa de Denso, compañía do sector da automoción con sede en Vigo, vén de convocar folga indefinida a partir deste luns 26 para denunciar os incumprimentos da empresa no que respecta ao convenio colectivo en vigor e a parálise da negociación do novo convenio. A contratación, a carga de traballo do persoal e a subida salarial son os principais puntos de desacordo entre a dirección e o cadro de persoal da compañía situada no polígono industrial de Valadares.

Dende a federación de Industria da CIG de Vigo explican que o paro convocado polo comité de empresa (8 delegados/as da CIG, 1 da CUT, 1 de CCOO e 1 da UGT) dará comezo este luns ás 6.00 horas, momento no que os traballadores/as se concentrarán ás portas da fábrica situada no polígono industrial de Valadares.

Detrás desta convocatoria de folga atópanse os “reiterados incumprimentos” da compañía no referente ao actual convenio e a falta de avances na negociación do novo a pesar de que até o de agora se teñen celebrado 14 xuntanzas entre as partes.

A renovación do convenio segue sen avances tras 14 xuntanzas

Incumprimentos e diferenzas

Entre os principais incumprimentos da empresa e as diferenzas en canto á renovación do convenio salientan a contratación, a carga de traballo do persoal e a subida de soldos. No referente ao primeiro aspecto, o convenio en vigor fixa que o 85% dos contratos ten que facelos a propia compañía, mentres que o 15% restante pódense facer a través de empresas externas (por exemplo ETT). “Pero nestes momentos a porcentaxe do persoal de produción contratado mediante este tipo de empresas ronda o 50%”, detallan.

En canto á carga de traballo, denuncian que como consecuencia do aumento dos pedidos certos colectivos do cadro de persoal teñan que soportar unha carga de traballo excesiva. A cuestión salarial é outro dos escollos que impide un achegamento, xa que até o de agora tampouco hai avances no incremento dos soldos que debe de recoller o novo convenio.

Volver