Convocan folga indefinida no guindastre municipal de Vigo polo bloqueo do convenio

A empresa concesionaria, Setex Aparki, négase a reducir a xornada durante as fins de semana
Vigo - 08 Mai 2018

O cadro de persoal de Setex Aparki, concesionaria do guindastre do Concello de Vigo, decidiu convocar folga indefinida a partir do vindeiro luns 14 de maio ante o bloqueo das negociacións do novo convenio colectivo. A representación dos 34 traballadores/as deste servizo municipal -tres delegados da CIG- denuncia que empresa se nega a aceptar a proposta de reducir a xornada laboral durante as fins de semana e pesar de que lle suporía un menor custe salarial.

A decisión de convocar folga indefinida no servizo municipal de guindastre adoptouse despois de catro xuntanzas entre as partes nas que se constatou o inmobilismo da dirección á hora de negociar un novo convenio colectivo de empresa, xa que a vixencia do anterior rematou o pasado 31 de decembro. Segundo explican os delegados de persoal da CIG, a compañía oferta unha subida salarial do 1,5% no primeiro dos dous anos de duración do convenio e un 1% no segundo, aos que habería que sumarlle o 2,5% anual no que a Setex Aparki cuantifica o custe salarial que lle suporía aplicar o redución de xornada que establece o convenio estatal do sector. 

Máis que un aumento de salario o que precisamos é descanso

Deste xeito, segundo as estimacións da empresa, a súa oferta sería do 4% o primeiro ano e dun 3,5% o segundo, pero en realidade está obrigada a aplicar a redución de xornada que establece o convenio estatal, que ten prioridade sobre o de empresa no caso da xornada (neste caso teñen que reducir até 50 horas anuais por empregado/a).

O persoal acudirá á mediación

“O que pretenden é vendernos isto como unha mellora, cando ten que facelo por lei”. Con todo, os traballadores/as amósanse dispostos a asumir esta proposta -e a rebaixar incluso a suba de soldos- sempre e cando a empresa aplique a redución de xornada durante as fins de semana, “porque máis que salario o que precisamos é descanso”.

De feito, na plataforma achegada polos representantes sindicais a proposta pasa por aplicar unicamente un 1% de incremento salarial a cambio de reducir a xornada durante as fins de semana, “algo ao que a empresa se nega en rotundo a pesar de que aforraría un 0,5% de custe salarial”. Como consecuencia, o cadro de persoal deu por rotas as conversas e optou por convocar unha folga indefinida a partir do vindeiro luns 14 de maio. Pola súa banda, a compañía solicitou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a cuxa convocatoria acudirán os representantes sindicais para intentar desbloquear o conflito.