Convocan folga no CETEC para reclamar a readmisión de dous traballadores

A CIG denuncia que empresa está a despedir persoal con antigüidade para contratar en precario
Vigo - 15 Xan 2019

Os tres delegados de persoal (CIG) do CETEC, centro tecnolóxico do grupo vigués de automoción Copo, veñen de rexistrar unha convocatoria de folga na empresa para reclamar a readmisión de dous compañeiros. Dende a central denuncian que mediante estas rescisións de contrato a compañía estase a desfacer de persoal con antigüidade para substituílo por traballadores/as en peores condicións laborais.

Segundo explican dende a representación sindical, a dirección do CETEC alude a supostas causas obxectivas para xustificar os despedimentos, “cando a empresa non só non ten perdas senón que no pasado exercicio superou as súas expectativas económicas”. Polo tanto, consideran que se trata dunha decisión totalmente inxustificada que rexeitarán coa convocatoria de paros nun primeiro momento e dunha folga indefinida a continuación.

Así, dende o vindeiro luns 21 de xaneiro e até o venres 25 desenvolverán paros de dúas horas en cada unha das tres quendas de traballo, mentres que na semana do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro os paros serán de catro horas por quenda. No caso de que a empresa non dea marcha atrás na súa decisión iniciarán unha folga indefinida a xornada completa en cada unha das tres quendas a partir do luns 4 de febreiro.

Ao mesmo tempo, anuncian que coincidindo cos paros levarán a cabo concentracións diante das instalacións da empresa, situadas na estrada de Puxeiros a Mos e nas que traballan 61 persoas, como as que se están a desenvolver xa a diario na hora do bocadillo.

Estratexia de precarización

Dende a CIG denuncian que detrás destes despidos agóchase unha estratexia da dirección para precarizar as condicións laborais mediante a contratación de persoal en peores condicións. “O actual xerente chegou hai dous anos coa clara intención de reestruturar a empresa co obxectivo de abaratar os salarios e precarizar o emprego”, sinalan.

Diante disto, amósanse convencidos/as de que o conflito laboral non tardará en estenderse ás distintas empresa do Grupo Copo, “tendo en conta a nova política de persoal que están a aplicar”. Tamén consideran que cos despidos o CETEC pretende coaccionar os traballadores/as de cara á negociación do convenio colectivo que terá lugar este ano.