Cortes de pelo e maquillaxe gratuíta para reclamar un convenio digno nas perruquerías

A Coruña - 29 Xun 2023

A CIG-Servizos desenvolveu unha acción reivindicativa este xoves na Coruña para reclamar un convenio digno nas perruquerías e salóns de beleza. A acción consistiu en ofrecer unha sesión básica de maquillaxe, corte ou retoque a todas as persoas que se achegaron ao lugar, para pór en valor o traballo que realizan estas e estes profesionais e demandar unhas condicións laborais dignas.

A negociación do convenio colectivo, de ámbito galego, está paralizada e nestes momentos todas as categorías están cobrando o SMI. Con esta acción, á que seguirán outras mobilizacións, a CIG-Servizos quere reclamar que a patronal sente negociar e asuma unha suba salarial digna así como unha mellora nas condicións laborais e sociais.

O convenio de perruquerías e salóns de beleza rematou a 31 de decembro de 2022, pero en abril deste ano as negociacións racharon ante a pretensión da patronal de eliminar a limitación horaria na saída do traballo, que actualmente está nas 20:30h, dificultando así aínda máis a conciliación; e a insuficiente proposta de incremento salarial para as categorías máis baixas, xa que estas quedarían ao límite do Salario Mínimo Interprofesional.

"Temos un convenio de mínimos", denuncia a delegada da CIG, Maite Lois, quen apunta que as condicións son tan cativas que nin sequera teñen recoñecidas as horas extras, malia que na práctica si se fan, e os domingos tampouco se abonan adecuadamente. Agora a patronal incluso quere tocar o horario "sen dar nada a cambio e que fagamos a formación obrigatoria fóra da xornada, en domingo, o noso día de descanso.

Lois lembra que nos últimos anos o sector profesionalizouse pero esta maior formación non se viu recoñecidoa nas retribucións que percibe o persoal. Ao contrario, subliña que en moitos casos as traballadoras e traballadores "somos como mini-autónomos, e temos que chegar a unha facturación elevada para poder levar un soldo decente a casa".

O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, indica que en Galiza están reguladas por este convenio unhas 6000 persoas e aínda que noutras materias de negociación (como as coberturas por IT) conseguiuse avanzar e as posturas non están tan afastada, "na cuestión económica as propostas patronais son inasumíbeis porque o persoal que menos cobra seguiría estando na precariedade total".