Critican a exclusión da representación do persoal na comisión para o estudo da remunicipalización das bibliotecas da Coruña

CIG-Administración Local subliña que os órganos de representación dos/as traballadoras da empresa e do propio Concello solicitaron en múltiples ocasións seren incluídos

A Coruña -

O sector da CIG-Administración Local da Coruña critica que se teña excluído aos órganos de representación do persoal do Concello e á representación das/os traballadoras/es da empresa concesionaria das bibliotecas municipais da Comisión especial que se encargará do estudo da remunicipalización da rede de bibliotecas.

“Amosamos o noso absoluto rexeitamento o   resultado  do proceso de constitución da Comisión Especial para o estudo da remunicipalización da rede de Bibliotecas e da composición  do equipo técnico multidisciplinar que vai informar e asesorar á citada comisión”, sinala Roberto Tizón, responsábel de CIG-Administración Local na Coruña.

Tizón apunta que tanto os órganos de representación do persoal da empresa concesionaria (Eulen) como os das e dos empregados do propio concello solicitaron, en múltiples ocasións, a súa inclusión na equipa técnica de asesoramento da comisión informativa, aínda que fose só “con voz e sen voto”. Igualmente solicitaron á totalidade dos grupos políticos  municipais que apoiasen as súas solicitudes.

Porén, censura, o pasado día 15 constituíase o equipo técnico de asesoramento “excluíndo del aos órganos de representación do persoal, tanto da empresa privada como do propio concello, aínda despois de ter sido anunciado na prensa que formarían parte do mesmo”.

Engade Tizón que, "a excepción do interventor e o persoal das bibliotecas, máis da metade de integrantes son de libre designación”. Ás peticións de representantes dos grupos municipais do para que exista unha participación activa do persoal ou cando menos teñan audiencia, “o alcalde responde que se que  dará audiencia ao persoal de Eulen, mais ignora á representación do persoal municipal”.

“Non podemos dar crédito nin validar a actuación do Goberno municipal neste proceso. A decisión tomada demostra que determinados conceptos que gustan de utilizar (transparencia, participación, empoderamento…) son simples mantras baleiros  que non teñen despois confirmación en feitos. A realidade é que coa súa decisión, o Goberno Municipal impide participar na comisión á representación lexítimas das e dos traballadores da empresa concesionaria e das e dos empregados do propio Concello”, afirma Tizón.

Finalmente, o responsábel comarcal do sector de Administración Local da CIG valora positivamente que o resto dos grupos desen voz ás peticións do persoal,  “mais lamentamos que, conformando a maioría da representatividade nesa comisión,  non intentaran tan sequera forzar unha votación para defender as súas alegacións”.

Volver