Cuarta protesta do persoal da sanidade privada por un convenio con melloras salariais e laborais reais

A Coruña - 11 Out 2023

Por cuarto mércores consecutivo, as traballadoras e os traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña saíron á rúa para reclamar un convenio colectivo digno, que supoña unha mellora significativa das súas condicións laborais e salariais. Nesta ocasión, tras as mobilizacións no Hospital Quirón da Coruña, HM La Rosaleda e sanatorio La Esperanza de Santiago e o Juan Cardona de Ferrol, as protestas regresaron á cidade herculina ás portas do Hospital HM Modelo.

En decembro de 2022 comezou a negociarse o novo convenio da sanidade privada da provincia da Coruña e a CIG, UGT e CCOO presentaron, de xeito conxunto, unha proposta na que se contemplaban, entre outras cuestións, reducir o número de horas de xornada anual; actualizar as táboas salariais e remunerar os domingos traballados.

Porén, a única resposta da patronal foi poñer enriba da mesa a perda de dereitos nos trienios e a perda de salario que perciben as traballadoras e traballadores cando están de baixa. Ante este ataque aos dereitos xa recoñecidos e a negativa a mellorar as condicións laborais e salariais nun convenio no que moitas categorías seguen figurando con cantidades inferiores ao SMI, as traballadoras e traballadores acordaron iniciar este calendario de protestas.

 Miguel Tizón, responsábel de sanidade privada da CIG-Saúde, explica que o vindeiro 25 de outubro está convocada reunión coa patronal "pero non sabemos que vai pasar. Nós estamos en disposición de negociar melloras pero non imos renunciar nin a antigüidade nin ao cobro do 100% nas situacións de baixa", advirte.

Explica que a parte social reclama unha actualización das táboas salariais "que teñen que ter uns incrementos significativos porque están moi obsoletas. No anterior convenio houbo subas cativas e a día de hoxe non reflicten o incremento do IPC", polo que nos últimos anos o persoal acumula unha importante perda da súa capacidade adquisitiva.

De feito, a teima da patronal do sector por manter estes baixos salarios provoca que existan serias dificultades non só para atopar, senón mesmo para afianzar profesionais na sanidade privada.

Xunto a unhas remuneracións acordes ao custo da vida, o persoal reivindica unha redución da xornada laboral anual -xa que dentro do sector sanitario son quen máis horas anuais de traballo teñen-, a actualización dos permisos, o cobro dos festivos traballados e o recoñecemento de diversos pluses que a día de hoxe non se perciben.

Finalmente, Tizón subliña que a parte máis recoñecíbel do sector son hospitais privados das grandes empresas pero por este convenio tamén se regulan centos de traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade en clínicas pequenas.

Nova mobilización para o 2 de novembro

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT xa teñen convocada outra concentración para o 2 de novembro, ás 11 horas, diante do Hospital San Rafael da Coruña. Á espera do que suceda na reunión do mércores 25, ese día anunciarase un novo calendario de mobilizacións e non se descarta intensificar as medidas de presión se non hai avances reais na negociación do convenio.