Cuarta xornada de protestas na área de servizo de Guitiriz contra a política de medo e sancións de Galpgest

Guitiriz - 09 Xun 2023

Os traballadores e as traballadoras de Galpgest na área e estación de servizo de Guitiriz na A-6 (dirección A Coruña) continuaron este venres co calendario de mobilizacións para rexeitar a política de represión, precarización e sancións inxustas que está a aplicar a empresa. Por cuarto venres consecutivo, o persoal concentrouse para reclamar o cese destas prácticas e reclamar a readmisión do compañeiro despedido.

Dende que Galpgest asumiu a xestións destas instalacións o pasado ano "os problemas son constantes, e xa dende o primeiro momento se negaron a asumir as melloras adquiridas que tiña o persoal", explica Christian López, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña. Denuncia que a política laboral de Galp nas estacións consiste en "impor o medo e tratar que o persoal renuncie a facer calquera reivindicación socioeconómica".

Isto tradúcese en diferentes ordes de actuacións nas estacións e áreas de servizo que xa derivaron na imposición de catro sancións, 2 faltas e un apercibimento e o despedimento totalmente inxusto dun traballador "que só persegue un fin exemplarizante".

Atrás deste trato empresarial, López Carmona entende que se atopa o interese de Galp por converter as traballadoras e traballadores "nunha especie de axentes comercias que fan a xestión do cobro do combustíbel, pero sobre todo que sexan capaces de vender todo tipo de produtos ás e aos clientes". A implantación deste novo modelo, advirte, "entendemos que levará aparellado un axuste do cadro de persoal".

A isto súmase o desleixo da empresa á hora de respectar as condicións que tiña adquiridas o persoal, garantir a  seguridade nas instalacións durante as noites ou mesmo ter acceso a auga potábel. Ademais, a empresa instalou un sistema de videovixilancia intrusivo que vulnera os dereitos das e dos traballadores á confidencialidade e á intimidade, ao controlar as zonas onde comen e fan o descanso e tendo incluso cámaras orientadas aos vestiarios.

Por todo iso, o persoal acordou iniciar mobilizacións para reclamar o cese das represalias e as sancións, que se readmita ao compañeiro despedido, que se respecten os dereitos laborais e ter unhas condicións de traballo dignas; así como manter unha xuntanza coa dirección para abordar estas cuestións e pórlle solución no inmediato.