Delegadas da CIG de SAF péchanse na consellaría de Política Social por un convenio digno

Nacional - 02 Out 2023

Delegadas da CIG dos Servizos de Axuda no Fogar pecháronse esta mañá na consellaría de Política Social en demanda de que se negocie xa o convenio colectivo do sector e para exixir que o servizo sexa integramente público.

As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar levan máis de 12 anos reclamando un convenio digno. O último intento de negociación rematou sen resultados porque a patronal pretendía, entre outras cuestións, eludir a regulación da xornada, suprimir a revisión salarial e manter en porcentaxes ínfimas o prezo da quilometraxe.

Durante estes anos os incrementos salariais que tiveron, que cualifican de irrisorios, foron grazas ao IPC. Salarios que, coas poucas horas de xornada que teñen a maioría das traballadoras, non lles permiten chegar a fin de mes.

As traballadoras denuncian ademais que, malia ser o SAF un servizo esencial para a comunidade, é un dos traballos máis precarizados e feminizados que existen e que padecen desde hai anos os abusos das empresas concesionarias.

Nese sentido, subliñan que os concellos teñen a obriga de exixir ás empresas que licitan coa administración o cumprimento dos dereitos das traballadoras, máis cando reciben cartos públicos.

Por iso reclaman que o servizo sexa público, para garantir as mellores condicións na súa prestación, mais tamén para que as traballadoras teñan unhas mellores condicións laborais, que lles permitan seguir facendo o seu traballo de atención ás persoas dignamente.

Emprazamento a unha xuntanza coa Dirección Xeral

Segundo explica a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, despois de facer o peche na consellaría, comunicouse a través da secretaria da Directora Xeral que parte das súas reivindicacións serán trasladadas á consellaría de Emprego e Igualdade pero que o tema de ratios ten que ser abordado coa Dirección Xeral. “Convidóusenos a enviar un correo electrónico o máis axiña posíbel para solicitar esa xuntanza e  falar das ratios, que é unha das cuestións máis relevantes dado que os concellos seguen a estirar os orzamentos e non pagar o salario/hora tal e como marca o convenio colectivo e que define o prezo/hora”, subliña Fernández.