CIG-Correos mobilízase por un servizo público, galego e de calidade e por unhas condicións dignas

Piden para os carteiros/as rurais "non só medallas", senón tamén melloras laborais

A Coruña -

Delegados e delegadas da CIG-Correos concentráronse este xoves para esixir un servizo postal público, galego e de calidade, un reforzo de persoal e unhas condicións de traballo dignas. Na protesta puxeron a atención de xeito especial na situación dos carteiros e das carteiras rurais, para quen pediron non só recoñecementos institucionais (en referencia á entrega da medalla Castelao), senón máis medios e mellores condicións.

O secretario do sector de Correos da CIG, John Vivanco, denunciou a intensificación do desmantelamento do servizo postal que se traduce nunha redución dos postos de traballo (en Galiza recortáronse arredor de 1.000 empregos nos últimos anos) e na calidade do propio servizo, visíbel, por exemplo, na redución do horarios  das oficinas auxiliares.  

Estas oficinas, explicou, son as que existen nos pequenos núcleos de poboación  onde non hai oficias técnicas a tempo completo e a atención ao público corre a cargo dos e as carteiras rurais. "Se antes abrían unha ou dúas horas, en moitos casos o seu horario limítase agora a 30 minutos e noutros mesmo foron suprimidas".

Medallas si, pero tamén melloras laborais

Precisamente, co gallo da concesión da medalla Castelao aos carteiros e carteiras rurais, as delegadas e delegados da CIG quixeron evidenciar a realidade laboral deste colectivo colocándose cordas ao pescozo, para simbolizar "a medalla que día a día nos afoga". Porén, Vivanco  subliñou que o recoñecemento está máis que merecido, pois estes non só realizan unha función de servizo público, "senón que tamén fan unha función social, porque moitos destes compañeiros e compañeiras son as únicas persoas que se achegan a esas aldeas nas que só viven dúas ou tres persoas maiores".

A respecto das condicións laborais, explicou que os carteiros/as do rural teñen que pór o seu vehículo propio para o reparto, polo que perciben unha pequena compensación pola quilometraxe que non cubre os gastos e que leva conxelada sete anos. "Cando se asinou o último convenio, no ano 2011, estableceuse a creación dunha mesa para revalorizar o prezo de compensación cada seis meses, pois ben, nin a empresa nin os sindicatos asinantes do convenio volveron sentar para tratar este tema nin se formou esa mesa", sinalou.

Ademais, este colectivo está penalizado pola propia empresa que os/as deixa fóra de moitas axudas de acción social e mesmo teñen que tributar polas contías de compensación.

Externalización de servizos

O secretario da CIG-Correos denunciou a externalización de servizos que se está a producir na empresa pública que comezou pola atención telefónica á clientes, seguiu polo servizo de incidencias do propio Correos e xa chegou ao transporte de paquetería. "Os camións amarelos que vemos polas estradas que poñen Correos son de empresas privadas e tamén se fai unha recollida de buzóns por parte de compañías privadas", subliñou Vivanco.

Alertou tamén da competencia desleal que se produce por parte das entidades chamadas "consolidadoras", que en realidade "son empresas que fan as funcións de oficinas de atención ao cliente, usando os logotipos de Correos e vendendo os nosos produtos. É dicir, en vez de abrirse oficinas propias, agora créanse este tipo de oficinas privadas".

Xunto a isto, referiuse á problemática derivada da falta de transparencia nas bolsas de contratación; que non se recoñezan os mesmos dereitos ao persoal de Correos que ao resto dos/as traballadores/as da administración (equiparación de niveis, carreira profesional, promoción interna, etc.); as persecucións ao persoal que cae de baixa; a non cobertura das ausencias; a sobrecarga de traballo; a excesiva contratación temporal; ou a perda de poder adquisitivo durante os últimos anos.

Correo público galego

Para enfrontar esta situación, o pasado 8 de xuño a CIG presentou unha iniciativa parlamentaria para blindar as condicións laborais do persoal laboral e funcionario de Correos e salvagardar o servizo postal público. Nesa iniciativa recóllese tamén a necesidade de crear un correo público galego coa transferencia deste servizo á Xunta de Galiza. 

Volver