Delegados/as da CIG mobilízanse diante de Froiz en Ourense contra o incumprimento do convenio

Denuncian excesos de xornada, traslados e cambios de postos sen xustificación e prohibición de gozar dos tres días de asuntos propios
Ourense - 20 Dec 2017

Un grupo de delegados/as da CIG-Servizos de Ourense desenvolveu hoxe unha concentración diante dun supermercado da marca Froiz para denunciar publicamente que a empresa incumpre o convenio colectivo do sector do Comercio de Alimentación que asinou. En concreto, sinalan a realización de excesos de xornada, os traslados e cambios de postos sen xustificación e a prohibición de gozar dos tres días de asuntos propios.

A protesta desenvolveuse a partir das 11:00 horas diante do establecemento da rúa do Concello e nela participaron os secretarios comarcais da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, e da federación de Servizos, Natividad Álvarez. Dende a central explican que con esta mobilización pretenden denunciar publicamente “o que se agocha detrás das campañas de marketing e deseño desta cadea de supermercados: unha cruel realidade, como é a negación dos dereitos das súas traballadoras/es”.

En concreto, sinalan a modo de exemplo a continua realización de excesos de xornada, os traslados e cambios de posto sen xustificación e a capricho e a prohibición na práctica de gozar os tres días de asuntos propios que recolle o convenio. “Queremos denunciar publicamente estas irregularidades e esixirlle aos responsábeis de Froiz que cumpran o convenio colectivo que eles/as mesmos/as asinaron o verán pasado”.