• 2017-06-14-ProtestaConvenioNavalInspeccionVigo01.jpg
  • 2017-06-14-ProtestaConvenioNavalInspeccionVigo02.jpg
  • 2017-06-14-ProtestaConvenioNavalInspeccionVigo03.jpg
  • 2017-06-14-ProtestaConvenioNavalInspeccionVigo04.jpg
  • 2017-06-14-ProtestaConvenioNavalInspeccionVigo05.jpg
  • 2017-06-14-ProtestaConvenioNavalInspeccionVigo06.jpg

Delegados/as da CIG protestan na Inspección en Vigo polos incumprimentos do convenio do naval

A central denuncia a crecente explotación e precarización laboral que se vive no sector

Vigo -

Máis de medio cento de delegados/as sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da Inspección de Traballo en Vigo de 11:30 a 12:30 horas para denunciar a inacción da autoridade laboral fronte aos incumprimentos do convenio do naval, o que está a provocar un incremento da explotación e da precariedade no sector, e a falta de implicación da Xunta na grave crise que padece unha industria estratéxica para o país e fundamental para a comarca.

Dende a CIG-Industria explican que o naval, un dos sectores económicos “máis importantes da economía galega e prioritario na comarca de Vigo”, leva seis anos de parálise na contratación pola falta de compromiso político das distintas Administracións no que atinxe á defensa dos sectores produtivos galegos ante a Unión Europa, mais tamén pola falta dun plan industrial específico.

Segundo denuncian, esta situación agravouse pola mala xestión dalgúns estaleiros, que levou á destrución de máis de 100 empresas e 10.000 postos de traballo, entre elas moitas das históricas e coa estrutura necesaria para poder liderar unha futura recuperación do sector. Ademais, a alertan que a desregulación actual compromete o futuro das poucas que lograron resistir.

Lembran que nos anos anteriores á crise, cunha alta carga de traballo, os empregados/as foron quen de converter o convenio do sector nun referente a nivel estatal. “Non nos regalaron nada, todo se logrou a base de loita, a loita lexítima da nosa clase para alcanzar as mellores condicións salariais e de traballo”.

Neste senso, o responsábel do Naval da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez, critica o feito de que agora, cando se visualiza unha tímida recuperación do sector logo de tocar fondo, pretenden precarizar estas condicións de traballo até niveis “de escravitude”, chegando a cobrar un “imposto revolucionarios ao traballo” por parte dalgunhas “mal chamadas” empresas; o incumprimento do convenio é maioritario, facéndolle unha competencia desleal ás poucas compañías que entenden a necesidade da regulación para garantir a estabilidade e o futuro do sector”.

"Imposto revolucionario ao traballo"

Segundo aclarou, na CIG cualifican de “imposto revolucionario ao traballo” os numerosos descontos “inxustificados” que as compañías lles aplican aos seus cadros de persoal, o que supón unha merma salarial moi importante. “Ademais, temos constatado que se están a pagar horas extras a 5 ou 6 euros, retiraron algúns pluses e utilizan a fórmula da 'hora corrida', mediante a que evitan ter que pagar vacacións, indemnizacións e pagas”, sinalou.

Diante disto, preguntouse de que vale negociar un convenio se logo non se lles esixe ás empresas que o cumpran. “Dende a CIG levamos tempo denunciando e seguirémolo a facer sempre que se sigan a dar situacións de explotación, e facémoslle un chamamento aos traballadores/as para que nos trasladen a súa problemática concretas co fin de poder poñela en coñecemento da autoridade laboral.

Para rematar, quixo deixar moi claro que a situación que están a padecer os empregados/as do sector ten responsábeis,” especialmente os que miran cara a outro lado, entre eles a Xunta e a Inspección de Traballo, que teñen a obriga de controlar e facer cumprir as condicións de traballo dos galegos/as”.

Precisamente co obxectivo de que a autoridade laboral poña a funcionar os mecanismos de control, mantiveron unha xuntanza cunha das súas responsábeis para facerlle entrega das últimas denuncias presentadas diante do organismo. “Entendemos que se teñen que implicar moito máis para darlle unha resposta máis áxil a toda esta problemática, ademais de impoñer sancións exemplarizantes ás empresas que incumpren”.

Volver