Delegados/as da CIG ocupan as oficinas da UTE da ponte de Rande para esixirlle o cumprimento das condicións laborais na obra

Forzaron unha reunión e lograron o compromiso de traballar oito horas e pagar ao mes e por nómina
Vigo - 13 Xul 2017

Arredor dun cento de delegados/as da CIG ocuparon hoxe as oficinas provisionais da UTE Dragados-Grupo Puentes, que acomete os traballos de ampliación da ponte de Rande, para esixirlle o cumprimento das condicións laborais e de seguridade tras a recente morte dun operario. Coa acción reividicativa a central forzou unha reunión cos responsábeis da empresa e logrou o compromiso de que se traballarán oito horas e que o abono de salarios será mensual e por nómina, para evitar excesos de xornada e que se sigan a pagar por hora e a un prezo de sete euros a hora.

Esta nova mobilización da CIG para denunciar a explotación laboral nesta obra pública iniciouse pouco antes das 11:00 horas coa entrada dun pequeño grupo de delegados/as -a cuxa cabeza se atopaban o comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, e os nacional e comarcal da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón e Carlos Méndez- no interior das oficinas provisionais que a UTE ten nas plantas superiores dunha cafetería situada a carón da gasolineira de Rande, en Cabanas (Redondela).

Mentres, o grupo máis numeroso permanecía concetrado ás portas do edificio, onde se despregaron varias faixas contra a explotación laboral e e fraude á Facenda e á Seguridade Social que están a cometer as compañías encargadas dos traballos de ampliación da ponte. Alí permaneceron ate pouco despois das 12.00 horas, cando rematou a xuntanza que mantiveron o xerente e o responsábel de saúde laboral da UTE cos representantes sindicais que accederon ao interior das oficinas. Tanto a entrada como a permanencia nas instalacións transcorreu sen ningún tipo de incidente. 

Nesta obra traballáronse oito horas por primeira vez a raíz de que pedimos a súa paralización

 Unha vez finalizada a reunión, Melón e Gonçalves dirixíronse a todos/as os presentes -entre os que se atopaban o secretario comarcal da CIG-Pontevedra, Marcos Conde, e o secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, Xaquín Agulla- para explicarlles que durante o encontro os responsábeis da UTE se comprometeron a que a partir de agora se vai traballar unicamente en quenda de mañá e de tarde, de oito horas de duración cada unha. “Dicían que na construción isto é imposíbel, e nós lembrámoslle que nas obras do hospital Álvaro Cunqueiro foi posíbel facelo, pero tamén tivemos que mobilizarnos para logralo”. Ao mesmo tempo, confirmaron que a partir do venres vai haber por primeira vez tornos para o control de entrada e saída dos traballadores/as, “algo que pode parecer moi estrano, pero nesta obra ninguén controlaba a entrada e saído do persoal”.

En canto á cuestión salarial, dende a CIG trasladáronlles que os salarios teñen que ingresalos en nómina e vía bancaria e que non poden incluír os prorrateos das pagas, “porque se inflanos salarios en bruto e por aí escápase moito diñeiro”. Melón e Gonçalves deixáronlles moi claro que o pago por hora ten que desaparecer, “hai que establecer o salario mensual como marca o convenio”. Con todo, indicaron que “cada empresa fai as súas trampas para roubarlle salario aos traballadores/as, así que imos analizalas unha a unha para ver as condicións nas que están a pagar os soldos”.

Cumprimento do convenio

Lembraron que os obxectivos desta campaña de mobilizacións eran regularizar xornada de traballo e lograr que se cumprise o convenio provincial en materia de salarios. “A raíz da primeira protesta na ponte tivemos unha xuntanza coa empresa á semana seguinte e marcámonos tres semanas de máximo para que regularizaran a situación; pero aínda que o prazo expiraba o vindeiro martes tivemos que adiantar esta acción porque os afiliados que temos na obra dixéronnos que non se estaba a facer nada ao respecto”. O que si fixo efecto foi a peteción formal cursada o luns pasado solicitando a paralización obras. “O martes por primeira vez nesta obra traballáronse unicamente oito horas”.

Otro aspecto que se abordou na xuntanza foi o unha comisión de seguimento creada a iniciativa da CIG, semellante á que se establecera durante a construción do Álvaro Cunqueiro e na depuradora de Vigo. “Quedamos en que nos van a dicir que día da semana que vén imos ter acceso a facer asembleas cos traballadores/as para explicarlles o que está a suceder dende o principio e os compromisos adquiridos hoxe; temos que normalizar a actividade sindical dentro desta obra para que os traballadores/as poidan reivindicar a mellora das súas condicións laborais e non teñan que baixar a cabeza cando os obriguen a traballar 10 ou 12 horas por sete euros a hora”.

Finalmente, incidiron en que todo o que se logrou até o de agora foi posíbel pola presión e a mobilización. “A empresa pretendía seguir negociando a partir de agora co resto de sindicatos e dixémoslle que non, que a única central que se está a mobilizar e a denunciar somos nós, polo tanto os sindicatos cómplices non pinta nada aquí”, remataron.