Delegados/as da CIG na automoción mobilízanse diante da empresa Antolín en Vigo para denunciar a precariedade no sector

Durante a protesta, que fai parte da campaña de conmemoración do 10 de Marzo, tamén rexeitaron a represión sindical nas compañías
Vigo - 09 Mar 2016
Arredor dun cento de delegados/as da CIG na automoción viguesa desenvolveu hoxe unha concentración ás portas da empresa Antolín, situada no polígono industrial de Valadares, para denunciar a crecente precarización e os recortes salariais e nas condicións laborais que están a aplicar as compañías do sector. Durante a protesta, que fai parte da campaña comarcal de conmemoración do 10 de Marzo, tamén se rexeitou a represión sindical e a chantaxe por parte das direccións das empresas.

“Non á precarización na automoción”, “Somos traballadores/as e non mercadorías”, “Dereitos conquistados non poden ser roubados” ou “Non á represión na automoción” foron as consignas que máis se repetiron durante a mobilización convocada pola CIG-Industria de Vigo ás portas da empresa Antolín no polígono industrial de Valadares. Arredor dun cento de delegados/as da central despregou unha faixa diante da compañía na que se podía ler “Contra as ameazas da patronal. Emprego e salarios dignos no sector da automoción”. A protesta prolongouse case unha hora entre as 11.00 e as 11.45 horas.

Dende a CIG-Industria de Vigo explicaron que coa protesta, que fai parte da campaña de mobilizacións convocadas a nivel comarcal para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, pretenden denunciar a crecente problemática que padecen os traballadores/as do sector. “Temos que parar as medidas que pretenden levar adiante as empresas nos novos convenios, no sentido de introducir rebaixas salariais, aumentos de xornada, novas categorías de entrada e ritmos de produción máis altos”, indica Xulio Fernández, secretario comarcal da federación.

O responsábel sindical denunciou tamén a represión sindical e a chantaxe que están a facer as direccións das compañías coa escusa de lograr máis carga de traballo e amosou a súa preocupación porque o ERE que vén de presentar PSA Citroën teña repercusións negativas o resto de empresas da automoción.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, animou a todas as persoas presentes na protesta a participar na manifestación convocada pola CIG na cidade este xoves para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega e incidiu na necesidade de defender os dereitos laborais e sociais na rúa ante a grave situación económica que padece a bisbarra.