Demandan, cunha concentración diante do Froiz de Narón, a readmisión dunha traballadora

Foi despedida logo de reincorporarse dunha baixa de 7 meses de duración

Ferrol -

Delegadas e delegados de Froiz da CIG-Servizos de Ferrolterra concentráronse este venres diante do Froiz do centro comercial de Narón para denunciar o despedimento dunha traballadora logo da súa reincorporación tras dunha baixa de 7 meses alegando baixada de rendemento e para exixir a súa inmediata readmisión.

As delegadas e delegados da CIG no comité de empresa lembran que esta traballadora levaba contratada neste supermercado 12 anos. “A traballadora tivo que coller unha baixa por enfermidade e ao seu regreso atopouse coa sorpresa de que Froiz prescindía dos seus servizos alegando, nin máis nin menos, que baixa de rendemento”.

Fronte a isto, a sección sindical manifesta que “a unha empresa como Froiz que obtén inxentes cantidades de beneficios a custo do traballo do seu persoal non se lle pode consentir que despida a unha traballadora por coller unha baixa, que é ao fin o que ocorreu neste caso”.

Por iso iniciaron mobilizacións diante do que consideran unha vulneración dun dereito tan básico como a enfermar nas que exixen do grupo de alimentación a súa inmediata readmisión.

Despedimentos tamén inxustificados en Pontevedra

Con todo, os despedimentos inxustificados improcedentes, inxustos e arbitrarios en Froiz están á orde do día e de feito hoxe mesmo en Pontevedra tamén se mobilizaban compañeiras e compañeiros da CIG-Servizos para denunciar varios destes casos.

Volver