Demandan máis persoal na Seguridade Social en Pontevedra para garantir o dereito á atención presencial
A CIG-Administración Pública desenvolveu esta mañá unha concentración ás portas da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) en Pontevedra para reclamar máis persoal funcionario e garantir deste xeito o dereito a unha atención “presencial, directa e humana”. A central sindical demanda tamén a eliminación da cita concertada obrigatoria como única vía de acceso e aposta por unha Administración “de portas abertas”.
O responsábel de Seguridade Social da CIG, Daniel López, foi o encargado de dar lectura a un comunicado ao remate da mobilización no que se denuncia un modelo de atención “que lle dá as costas” ás persoas ao “levantar un muro invisíbel, pero infranqueábel”, chamado cita concertada. “O que naceu como unha medida excepcional hoxe converteuse nunha ferramenta de exclusión que castiga, especialmente, as persoas maiores e os colectivos máis vulnerábeis, obrigándoos a navegar por un labirinto dixital ou telefónico que moitas veces non ten saída”.
Unha problemática que ten consecuencias especialmente graves no caso da Unidade de Recadación Executiva (URE), encargada dos embargos derivados das débedas coa Seguridade Social. “Unha persoa cobra a nómina, pero queda embargada e non ten acceso aos cartos; entón o banco comunícalle que se poña en contacto coa Seguridade Social, e a URE dille que colla cita concertada. O resultado é que, ademais das barreiras tecnolóxicas, pasan días até que sabes o que sucedeu cos teus cartos”.
Mais dende a central sindical queren deixar moi claro que as persoas traballadoras da Seguridade Social non son responsábeis desta situación. “Ao contrario, son as outras vítimas do desmantelamento dos servizos públicos e teñen que aturar a presión, a sobrecarga e a frustración dun organismo que non pode dar máis de si porque a Administración decide non dotalo dos recursos suficientes”.
De xeito que en Pontevedra, como no resto do país, existen vacantes que non se cobren con novo persoal. “Cada mesa baleira nesta oficina é un dereito menos para a cidadanía. Non se pode pretender dar unha atención de calidade cando o cadro de persoal está baixo mínimos. Non se pode falar de "eficacia" cando a solución da Administración é esconderse tras unha pantalla para non amosar as carencias dun sistema que está ao límite do colapso”.
Eliminación da cita previa
Po todo isto, a CIG-Administración Pública esixe a eliminación inmediata da cita concertada obrigatoria como única vía de acceso, “xa que Administración debe de ser de portas abertas”; a cobertura total e urxente de todas as prazas vacantes neste servizo e no resto dos organismos da Seguridade Social; e unha atención presencial, directa e humana, “porque non somos números nunha lista de espera virtual, senón cidadáns con dereitos”.
Finalmente, inciden en que non se pode permitir que se exclúa dos servizos públicos a persoas que non saben ou non poden usar internet. “A Seguridade Social é patrimonio da clase traballadora e non imos quedar de brazos cruzados mentres a desmantelan dende dentro”.