Demandan medios humanos no servizo de prevención e defensa contra incendios

A CIG Autonómica alerta dos incendios forestais que se están producindo en Galiza, por mor das elevadas temperaturas

Nacional -

O sector da Autonómica da CIG Administración vén de demandar da consellaría de Medio Rural a incorporación de medios humanos ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galiza. Alerta da falta de persoal e dos incendios forestais que se produciron novamente nesta primeira quincena do mes de decembro, por mor das elevadas temperaturas.

Segundo a previsión establecida pola propia consellaría do Medio Rural, nestes intres, o operativo de extinción de incendios forestais está integrado polo persoal laboral que traballa durante todo o ano: 866 traballadores e traballadoras que non están, na súa totalidade, destinados/as a labores de prevención e extinción de incendios, senón tamén a labores administrativos. Concretamente os traballadores e traballadoras en traballos de extinción e prevención ascenden a 82 cuadrillas e outros 82 conductores de motobomba.

A CIG-Autonómica considera que se Medio Rural cubrise as baixas laborais, permisos e vacacións do persoal do SPDCIF, os nosos montes non se verían afectados “tal e como aconteceu en Silleda e está acontecendo en zona de Rede Natura no Macizo Central da provincia de Ourense”.

Denuncia ademais que hai distritos forestais nos que non hai ningún motobomba operativo e cuadrillas forestais con un ou dous traballadores/as, cando o número de integrantes de cada unha das cuadrillas ascende a sete membros. “Reiteramos a nula planificación do dispositivo contra incendios forestais da Xunta de Galiza, corpo que chegou a ser declarado coma un dos mellores do Estado, e que cos dirixentes actuais ese crédito recoñecido estase a perder paulatinamente”, afirman.

Xunto a isto, e tendo en conta que estes datos están recollidos nos libros de actas dos distritos forestais, pon en cuestión as declaracións da conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, que asegurou que ningún distrito forestal queda sen medios, aínda que estes se ven reducidos en comparación coa época de verán, considerada de alto risco.

Denuncian ademais que a conselleira afirmou tamén que o persoal laboral de tres meses, de acordo co cambio no regulamento, poderán acceder a postos de nove meses. “Esta afirmación non é de todo correcta, xa que para que dito persoal poida ter dereito a un posto de máis de tres meses, primeiramente deberá renunciar ao seu posto de traballo –o que implica, no paro e sen cobrar ningún tipo de axuda económica- e logo quedar á expectativa da convocatoria para a cobertura temporal de prazas de nove ou doce meses”, explica.

Matiza ademais que se Medio Rural convocase continuamente procesos de cobertura de vacantes, procesos de substitucións con motivo de incapacidades temporais, permisos, licenzas e vacacións, podería darse a circunstancia de que traballadores/as de tres meses escollesen a opción da renuncia do seu posto.

Por iso, o sector da Autonómica da CIG-Administración entende necesario tomar medidas para erradicar os incendios forestais. “Medidas que deberán comezar por incorporar ao seu posto de traballo a todos e cada un dos traballadores e traballadoras, persoal fixo descontinuo de nove e tres meses que nestes intres están anotados nas listas do INEM, para conseguir desta volta unha recuperación do noso rural, encamiñado na limpeza dos núcleos de poboación, aproveitamentos dos montes, sen esquecernos dunha planificación forestal e territorial, conquerindo un rural como un medio vivo. Mentres a Xunta de Galicia non poña enriba da mesa os medios humanos e económicos para rematar cos incendios forestais os nosos montes seguirán sufrindo a peor da destrución posíbel

Volver