Denuncian a “dantesca” situación das Urxencias do CHUS con 470 doentes durante a fin de semana

A CIG-Saúde de Compostela asegura que ás 14:00 horas do luns seguían os corredores ateigados
Compostela - 31 Xan 2017

CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar que, lonxe de solucionarse o colapso das Urxencias do Hospital Clínico de Compostela, a situación durante esta fin de semana, que cualifica como “dantesca”, non fixo máis que empeorar e continuaba á altura das 14:00 horas deste luns, con doentes ateigando os corredores.

Asegura que entre o venres e o domingo o número medio de asistentes “superou con creces estes tres días os 450 usuarios, chegando aos 470” e entende que isto confirma que a vaga da gripe “lonxe de remitir como fartan de dicir, queda con nós durante un pouco máis”.

Ao seu entender “non é concibíbel” que a Xerencia desoia as voces do persoal, que vén alertando das condicións de traballo e solicitando reforzos. “Non vale dicir, que están volcados co persoal e non demostralo. Ou dicir, que se reforzou cun persoal de enfermería e quedarse tan anchos. Unha persoa por quenda,  se cadra, non sexa abondo, máxime cando desde a Atención Primaria, Centros de Saúde e os PACs, están a vivir unha situación tamén dantesca pola falta de persoal”.

Como exemplo poñen os centros de saúde de Lalin e Noia mais afirman que esa mesma situación podería estenderse  a calquera outro porque “os equipos están minguados, tendo que acudir a atender as urxencias o persoal que presta os servizos no  centro de saúde, deixando así baleiro o centro, cando os profesionais deses PAC levan anos reclamando persoal e a Dirección de enfermería negándoo”.

Diante desta situación a CIG-Saúde de Compostela pregúntase se abrirán algunha outra unidade, até o de agora pechada, porque “polas ringleiras de usuarios que se viron toda a fin de semana, as medidas que se están adoptando, non son eficaces”.