Denuncian a falta de medios humanos no operativo contra incendios forestais pola improvisación da Xunta

Dende a CIG-Administración reclaman que se contraten máis bombeiros/as forestais

Nacional -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia a falta de medios humanos no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galiza como consecuencia da “total improvisición” da Consellería do Medio Rural. Ademais, acusan a conselleira de mentir cando asegura que o operativo está en activo na súa totalidade dende o 1 de xullo, xa que até o día 14 de xullo os traballadores/as de Seaga destinados/as a labores de extinción non deron comenzo a súa actividade.

Dende a central censuran as afirmacións feitas pola máxima responsábel do operativo contra incendios forestais, Ángeles Vázquez, no sentido de que o Plan de Incendios Forestais de Galiza (Pladiga) está activo na súa totalidade (7000 persoas) dende o 1 de xullo, data na que deu comenzo a campaña de alto risco de incendios dacordo coa Orde do 15 de xuño de 2017, publicada no Diario Oficial de Galiza do 21 de xuño. 

A escaseza de persoal pon en risco a vida dos traballadores/as

Para a CIG, esta afirmación é totalmente falsa, xa que até o día 14 de xullo os traballadores/as da empresa pública Seaga destinados/as a labores de extinción non deron comenzo a súa actividade laboral. “Tampouco nos esquecemos das cuadrillas forestais contratadas polos propios Concellos, xa que moitos deles non teñen previsto facer contratacións polas esixencias impostas dende a propia Administración autonómica, mais aínda así constan nos cadros de persoal do propio Pladiga 2017”.

Deste xeito, queren poñer en coñecemento da cidadanía que moitas das cuadrillas forestais da Xunta están a traballar con un, dous ou tres compoñentes, feito que merma o operativo contra incendios, da mesma maneira que pon en risco a vida dos propios traballadores/as. “Esta escaseza de persoal debera ser solventada mediante as correspondentes contratacións temporais, pero desgrazadamente non está a ser así, ollando pola nosa parte como os propios xefes/as de distrito deben buscar solucións o máis axeitadas posíbeis para non ver reducido o operativo no seu ámbito de actuación”.

Contratación de bombeiros/as forestais

Explican que aínda así están a producirse circunstancias no operativo contra incendios como que bombeiros/as forestais son incorporados/as xunto cos conductores/as de motobombas pola falta dun responsábel na cuadrilla forestal, deixando a súa zona de actuación sen medios para combatir os incendios. Sosteñen que isto está a acontecer en ámbitos da provincia de Ourense (distrito forestal XII Miño-Arnoia) e de Pontevedra (distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño). “Esta circunstancia seica non é preocupante para o Goberno galego, deixando polo tanto en mans dos incendiarios/as o devir do propio servizo contra incendios”.

Diante disto, denuncian a total improvisación por parte da Consellería do Medio Rural no despregue de medios humanos polos diferentes distritos forestais que integran o SPDCIF. “Ante este preocupante panorama e, coa apertura da campaña de alto risco, esiximos a inminente contratación de bombeiros/as forestais para paliar a diminución de medios en moitos dos distritos forestais para reducir os prexuízos que puideran producir os incendios forestais na comunidade autónoma galega”.

Finalmente, consideran que a non contratación de bombeiros/as forestais para cubrir o amplo territorio galego e a tardanza na extinción dos incendios forestais que se puidera dar deberan ter unha resposta unánime da cidadanía, polo que se ven na obriga de poñer en coñecemento a situación real do SPDCIF e o xeito de actuar dos responsábeis en política forestal.

Volver