Denuncian o colapso do servizo de Urxencias e dos centros de saúde de Pontevedra e do Salnés

Dende a CIG demándanlle ao Sergas que atenda as demandas dos profesionais e aumente o persoal
Pontevedra/Salnés - 17 Xan 2017

A federación de Saúde da CIG vén de denunciar publicamente a situación de colapso na que se atopan as Urxencias e os centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e do Salnés como consecuencia do repunte dos casos de gripe. Dende a central reclámanlle ao Sergas que atenda as demandas dos profesionais e opte por reforzar os servizos de atención con enfermeiras/os, auxiliares e celadores/as.

A CIG-Saúde critica que a pesar das previsións dun repunte da gripe para esta semana a Xerencia non está a reforzar o servizo de Urxencias do hospital Montecelo co persoal necesario, o que fai que os profesionais estean a sufrir “xornadas extenuantes e situacións de moito estrés” ao ter que atender a pacientes e familiares “en situacións limite e en condicións precarias”. Neste senso, sinalan que “por non haber non hai nin plan de emerxencia nin algo que se lle pareza a pesar da propaganda da Consellaría de Sanidade e da Xerencia de Pontevedra-Salnés”.

Entenden que botarlle a culpa aos pacientes por acudir a Urxencias ou escudarse na virulencia da gripe “non exime de responsabilidade nin á Xerencia nin ao conselleiro” e lamentan que a súa “incompetencia e falta de previsión” está a ter resultados nefastos na calidade da asistencia sanitaria. “Estamos asistindo ás consecuencias dos recortes a que foi sometido o Sistema Público Galego de Sanidade polo Partido Popular nestes últimos anos: abandono da Atención Primaria, privatización de servizos, recortes de persoal e falta de inversións en hospitais”, enumeran.

Diante disto, dende a CIG-Saúde esíxenlle á Xerencia da EOXI de Pontevedra-Salnés que atenda as demandas dos representantes dos traballadores/as e dos profeisonais, asuma as responsabilidades que lle corresponden e faga frente dunha vez por todas ao colapso das Urxencias e dos centros de saúde. “Pedimos máis dialogo e menos prepotencia para resolver os graves problemas da sanidade pública nas áreas Sanitarias de Pontevedra e do Salnés”, rematan.