Denuncian o colapso do servizo de transporte sanitario na área de Pontevedra

A CIG insiste en que convocará folga no caso de que a Xunta non interveña
Pontevedra - 20 Mar 2018

Delegados/as sindicais da FGAMT-CIG no sector das ambulancias denunciaron hoxe publicamente o colapso no que se atopa o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente da área de Pontevedra e instaron a Xunta a intervir, xa que do contrario convocarán folga a nivel galego.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi, compareceu esta mañá xunto a delegados/as sindicais da central no sector das ambulancias de Lalín-Silleda, A Estrada-Caldas, O Grove, Pontevedra, Cambados-Vilagarcía e Marín para denunciar a situación de colapso na que se atopa o servizo de transporte sanitario, tanto urxente (061) como programado (non urxente). 

Aboi augura un "estoupido" do sector no caso de que a Xunta non interveña no conflito

Aboi augurou un “estoupido” do sector no caso de que a Xunta non solucione as problemáticas derivadas do escaso orzamento que se fixou no concurso de adxudicación do servizo e da falta de renovación do convenio colectivo, que leva dous anos sen apenas negociación. Esta situación supuxo un incremento moi acusado da carga de traballo e un empeoramento das condicións laborais, o que está a provocar o colapso asistencial e económico do servizo.

“Cando a Xunta convocou os concursos en 2015 e 2016 xa o o fixo mal, con orzamentos moi escasos -o que facía prever que as empresas terían perdas económicas- e entregándolle o servizo en toda a franxa costeira (de Ferrol cara ao sur) a unha soa empresa, o que nos fixo sospeitar que se fixo a dedo e por iso decidimos denunciar; os recortes non tardaron en chegar e, por exemplo, no transporte non urxente que abarca de Catoira a Arcade e do Grove até A Estrada a empresa rebaixou o custe en 150.000 euros ”.

Como consecuencia, un servizo que funcionaba “bastante ben” queda con moita menos dotación económica (con prezos do ano 2007-2008). O responsábel sindical sinala que este servizo dálle cobertura na área sanitaria de Pontevedra a unhas 250.000 persoas, ás que hai que sumar polo menos outras súmanselle 100.000 no verán.

Na área do Salnés son unhas 100.000, cifra que se duplica no verán. “Temos polo tanto o mesmo servizo que hai un montón de anos, coas únicas melloras de que despois do recorte de Marín, en lugar de 12 horas de cobertura pasa a 16; e en Vilagarcía, para non poñer a ambulancia medicalizada, puxeron unha de soporte vital básico 12 horas”.

Ademais, neste tempo non deixaron de medrar o número de servizos: en 2014 as dúas ambulancias de Pontevedra facían 8000 e agora fan 10.000; a de Marín, que foi recortada, fai máis servizos agora que traballa oito horas menos que cando tiña 24 horas (1600 en 2014 e hoxe 2500 servizos); “na práctica é a terceira ambulancia de Pontevedra, porque fai o primeiro servizo en Marín e logo xa queda en Pontevedra”.

Isto provoca que o persoal ás veces non teña tempo nin para comer, optando por xantar un bocadillo durante o servizo. A de Bueu en 2014 non chegaba a 1300 servizos, e na actualidade rexistra 2000 servizos. No conxunto da comarca pontevedresa a cifra de servizos pasou de 19.000 a 26.000 (33% de aumento). “Non hai unha situación similar en todo o país”, sostén.

Esperas de máis de hora e media

Os propios/as delegados/as do sector relataron os problemas que padecen a diario a causa deste colapso: “No transporte programado, por exemplo, non damos feito, chegamos tarde; e a empresa reforza o servizo con técnicos/as do 061, deixándoo desatendido; Isto provoca excesos de xornada, e fai que haxa compañeiros/as de baixa por sobrecarga física e emocional. Ademais, din que pode haber problemas no pago de nóminas”, denuncian.

No caso do transporte urxente situación non é moito mellor: “Atopámonos a diario con xente que ten que agardar máis de hora e media pola ambulancia, xa que non hai que esquecer que temos que desprazarnos a Lalín, A Estrada, Campo Lameiro, Forcarei, etc”.

Aboi lembrou que a CIG leva tres anos intentando que o 061 e o Sergas “se dignen” a falar cos afectados/as, “mais nin falaron antes, nin durante nin despois do concurso”. Explica que as empresa facturan menos e teñen máis servizos, o que vai en detrimento da calidade asistencial e das condicións laborais do persoal. “A situación empeorou coa reforma do PP porque antes facíanse traslados a Vigo, pero agora fanse a Coruña, Ferrol e Santiago, polo que moitas ambulancias xa quedan alí e deixan descuberto o servizo”. 

A FGAMT-CIG anuncia que convocará mobilizacións inmediatas no caso de que se rexistren atrasos no pago das nóminas

Ao mesmo tempo, criticou que Pontevedra sexa a única comarca galega na que había ambulancias que eran desviadas polas empresas para temas privados, tal e como denunciou a CIG. “A comarca ten todas as ambulancias en servizo, incluso as de reserva; e no conxunto do país segue sen haber solución ao concurso e ao orzamento. “No caso do 061 a patronal dixera que había zonas ás que quería renunciar (Lugo, Salnés, Santiago, Barbanza e a Costa da Morte) e a Xunta aceptou; pero agora di que xa non acepta e que sigan cos prezos de 2007”.

Esta é a principal causa do colapso asistencial e económico no que se atopa o servizo, o que o ano pasado provocou problemas co pago aos traballadores/as en Pontevedra. “Se volve suceder este ano haberá mobilizacións inmediatas”, adianta Aboi.

Dous anos sen negociar o convenio

A isto hai que sumar que xa vai para dous anos que non se negocia o convenio. En 2017 a patronal presentou unha proposta aproveitando a reforma laboral do PP para descolgarse do convenio colectivo que contemplaba un aumento de horas de traballo, a rebaixa de melloras sociais e unha redución salarial de entre un 15 e un 31%.

Diante disto, Aboi entende que a Xunta ten que implicarse dotando de recursos materiais as comarcas de Pontevedra e do Salnés: Marín precisa ambulancia 24 horas; Pontevedra precisa, como mínimo, unha ambulancia máis durante 12 horas. E O Salnés precisa a medicalizada. “Ademais, ten que obrigar a patronal a negociar o convenio; e o concurso non pode seguir paralizado, e con dotacións orzamentarias vaian dar perdas antes de comezar”.

Finalmente, adianta que a comezos de abril a CIG reunirá a coordinadora do sector para propoñer unha convocatoria de folga no conxunto do país -“xa que case toda Galiza se atopa nunha situación similar- no caso de que a Xunta non se implique no conflito e poña fin a esta problemática.