Denuncian o deterioro da sanidade pública na comarca de Valdeorras

A Xunta de Persoal critica a xestión do Sergas e da Xerencia da EOXI
Ourense - 15 Xan 2019

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Valdeorras vén de denunciar publicamente o deterioro que padece a sanidade pública na comarca como consecuencia da xestión do Sergas e da Xerencia da EOXI e do propio hospital comarcal.

Como consecuencia, a atención aos pacientes e usuarios/as desta comarca “está a ser do máis precaria”. Entre os principais problemas que se rexistran nesta área sanitaria sinalan a falta de médicos/as especialistas no Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV) e o feito de que non saian a oposición a totalidade das prazas que xa existían con anterioridade no HCV.

Tamén citan a non cobertura das ausencias de facultativos/as cando se solicitan os permisos regulamentarios, “algo que sucede dende hai tempo a diario e sobre todo no verán e no Nadal”; o aumento dos traslados a Ourense por non ter o HCV médicos/as especialistas de múltiples especialidades en datas concretas cando gozan das súas vacacións e non son cubertos por substitutos/as, coa conseguinte repercusión nos paciente e familiares.

Outras das cuestións que critican teñen que ver co peche do servizo de hospitalización a domicilio (HADO), “polo que os pacientes ou teñen que vir ao HCV para non quedar sen asistencia médica ou teñen que estar na hospitalización convencional”.

Falta de estabilidade

Tamén fan fincapé na problemática que supón que facultativos/as que veñen a traballar ao HCV volven marchar polas malas condicións laborais que se lles ofertan (contratos de curta duración, falta de estabilidade tanto laboral como familiar, etc).

Finalmente, indican que tendo en conta que no día de hoxe tiveron lugar incorporacións de novos/as facultativos/as no HCV por mor da toma de posesión e incorporación da OPE “agardamos que estas prazas se manteñan no tempo”.