Denuncian desmantelamento dos servizos sociais públicos na provincia de Ourense

A Xunta anuncia a privatización do centro de menores Montealegre
Ourense - 05 Mar 2018

O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense denuncia o progresivo desmantelamento dos servizos sociais públicos na provincia por parte da Xunta do Partido Popular. O último exemplo é o anuncio da privatización do centro de menores Montealegre, centro de referencia na provincia ao ser o único destas características de xestión pública.

Dende a central lembran que levan anos advertindo que o principal propósito do Goberno do PP é o desmantelamento dos servizos públicos, en particular dos servizos sociais públicos. Así, a CIG denunciaba en 2012 o peche do centro de menores Montealegre, centro de referencia na provincia xa que era o único destas características que quedaba baixo xestión pública. “Coa escusa de facer obras, a Xunta nega o seu peche e a súa privatización, manifestando que as obras son urxentes e que non está decidida a súa xestión”, indican. 

Na central levan anos advertindo da intención do PP de desmantelar os servizos públicos

Pois ben, o pasado 1 de marzo o DOG recolle o anuncio da privatización do centro de menores, noutro desmantelamento máis dun servizo social público esencial. “A Xunta despréndese dun centro emblemático no noso país, con talleres de mecánica, xardinería, costura, etc., e con polideportivo aberto e pechado, invernadoiros, sala de informática, etc. Dotacións que ningún outro centro de estas características posúe e que agora van a ser regaladas a unha empresa privada”.

Con todo, para a central o máis sangrante desta privatización é “a mensaxe falaz de que os servizos privatizados son máis baratos”. Neste senso, sinalan que o orzamento de licitación é de 184,53 euros/día/usuario. “Cun total de 24 usuarios/as, fai un orzamento total de licitación de 3.237.394,32 euros para 24 rapaces/as”.

Dubidan doutras promesas

Ao mesmo tempo, que a Consellaría opte pola privatización e non opte por aproveitar o capital humano dun centro conta con profesionais cualificados/as e con máis de 20 anos de experiencia na maioría dos casos. “Dende a CIG queremos denunciar a carreira sen freo do Partido Popular por destruír un piar básico do estado do benestar, como son os servizos sociais públicos, non dando cobertura ás necesidades reais da sociedade”.

Finalmente, sosteñen que se este é a actitude do PP con respecto aos servizos públicos, “poñemos en dúbida promesas como que o Centro de Atención a Persoas con Diversidade Funcional vaia ser público, ao igual que o chamado centro interxeneracional que está a construír a fundación de Amancio Ortega”.