Denuncian o trato denigrante que sofren as embarazadas de Teo nas clases de preparación ao parto

CIG-Saúde e a secretaría da Muller de Compostela exixen ao SERGAS que garanta condicións dignas
Teo - 27 Feb 2020

CIG-Saúde de Compostela e a secretaría das Mulleres comarcal denuncian o trato “máis que denigrante”, que sofren as mulleres e homes, futuras nais e pais, usuarias das clases de preparación ao parto do concello de Teo. Aseguran que non hai un local que reúna as máis mínimas condicións de hixiene, confidencialidade e acollemento que se necesitan neste tipo de sesións e que se están desenvolvendo na entrada mesma do centro de saúde de Calo.

A profesional a cargo destes cursos, vén denunciando desde o mes de outubro, sen recibir resposta, que a entrada do centro de saúde, non é, nin de cerca o sitio máis adecuado, aínda que se separen as bancadas da sala de espera.

Denuncian que está sucio despois de ser usado pola mañán por usuarias/os e  traballadoras/es, xa que o persoal da limpeza aínda non a fixo cando xa se comenzaron as clases de preparación ao parto. Matizan que “a parte práctica realízase cunha esteira enriba das pisadas de centos de usuarias/os” e entenden que “para unha muller embarzada isto, moi  hixiénico non é”.

Xunto a isto, sinalan que tampouco é un sitio confidencial e íntimo para estes labores, ao posuir unha cristaleira cara a unha estrada transitada por vehículos e peóns. ´”Lembremos que nestes cursos trabállase nos diferentes cambios que se producen a nivel físico, entre outros, realízase ximnasia e diversos exercicios, técnicas de respiración e de relaxación, de estabelecemento de vínculos nai/pai...”, matizan.

Ademais, e como guinda do pastel, denuncian que o pasado luns, día 24 de Febreiro, ao coincidir, non só estas incomodidades, senón tamén doentes no centro de saúde á espera de ser atendidos polo médico de cabeceira que facía prolongación de xornada, coinciron curso e usuarios/as no mesmo espazo.

Para a secretaria das Mulleres da CIG, Lucía Freire, isto é “un desprezo máis cara as mulleres embarazadas” e evidencia “a hipocrisía das políticas demográficas da Xunta de Galiza, que non só cargan sobre as mulleres o peso da reversión demográfica, na pomposa Lei de Impulso Demográfico, senón que despois non atenden nin ás demandas do persoal para que se garantan as mínimas condicións de atención sanitaria ou poñen en marcha medidas como o peche do paritorio de Verín”.

Para CIG-Saúde o que demostra unha vez máis, é “a absoluta descoordinación por parte da Xerencia de Xestión, de Eloína Nuñez, e a súa máis absoluta indiferencia, neste caso, cara as mulleres de Teo, ao non ser capaz de atopar un lugar axeitado a esta preparación ao parto”.