Denuncian o uso dunha ambulancia de Protección Civil para trasladar pacientes de alta por coronavirus no hospital do Salnés

A CIG nega que existise conxestión no centro sanitario tal e como argumentou o alcalde de Vilagarcía
Salnés - 07 Abr 2020

A FGAMT-CIG de Pontevedra presentou hoxe un escrito na EOXI de Pontevedra-Salnés para que a Xerencia comprobe os feitos acontecidos o pasado 1 de abril, cando unha ambulancia de Protección Civil foi utilizada para realizar unha alta a domicilio dun caso de Covid-19 dende o hospital do Salnés. Dende a central negan que existise conxestión no centro sanitario, tal e como recoñeceu a propia directora do hospital, e reclaman a adopción de medidas para que situacións como estas non se volvan repetir.

O responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, cualifica de manipulación por parte dos responsábeis municipais de Vilagarcía as novas recollidas nos últimos días polos medios de comunicación nas que tanto o alcalde como o vicepresidente da Xunta “gabábanse de que o uso dunha ambulancia de Protección Civil servía para desconxestionar o hospital do Salnés”. 

Este xeitode actuar só se entende se alguén quere facer negocio ou promoción persoal a costa do deterioro do servizo público de ambulancias

Ademais, sostén que dende que comezou a alerta sanitaria motivada polo coronavirus hai ambulancias e persoal público suficiente tanto no Salnés como en Pontevedra, “xa que hai servizos que antes se facían e agora non se fan, poñendo todos os recursos para este tema”. Por iso considera que este xeito de actuar só se entende “se alguén pretende facer negocio ou promocionarse persoalmente a costa do deterioro do servizo público de ambulancias”.

O representante sindical explica que o pasado mércores 1 de abril, “en horario diúrno e sen ningún tipo de colapso hospitalario e estando a dispor os recursos materiais e humanos necesarios por parte da empresa concesionaria de transporte sanitario”, a dirección do hospital requiriulle a Protección Civil de Vilagarcía o envío dunha ambulancia para realizar unha alta a domicilio dun caso de COVID-19 por parte de persoas voluntarias integrantes de dita agrupación, “das que se descoñece se posuían a titulación e a formación necesarias e requiridas polos protocolos estabelecidos tanto polo Ministerio de Sanidade como pola Xunta”.

Lembra que non é a primeira vez que pola vía dos feitos se chama a este tipo de entidades a prestar servizos sen a existencia de ningún tipo de necesidade de tipo asistencial, “nin tampouco é esta a primeira vez que a CIG ten que denunciar esta situación de deterioro encuberto da calidade asistencial da sanidade pública que pola porta de atrás financia actividades privadas realizadas por empresas ou particulares sen ningún control por parte da administración responsábel”.

Recoñecer a labor dos profesionais

Sinala que a CIG leva tempo insistindo na necesidade de reforzar o servizo público e reclamando que se deixe de “regalar” financiamento público a certas entidades, sen que exista ningún tipo de control, mentres se incumpre o contrato polo que se regula o transporte sanitario e a normativa que establece as características técnicas dos equipos materiais e humanos.

“Por iso, non entendemos que, nunha situación coma esta de pandemia mundial e declaración do estado de alarma, a administración que debera ser a primeira en mostrar orgullo polo traballo levado a cabo polas técnicas/as de ambulancias, xunto co resto das e dos profesionais sanitarios, sexa a que actúe deste xeito tan irresponsábel, devaluando o seu traballo e prescindindo do seu compromiso, responsabilidade, experiencia, e dedicación nuns momentos tan difíciles coma estes”.

A CIG, máis unha vez, quere dignificar e recoñecer o traballo destas/es profesionais e fortalecer o sistema público de saúde, polo que lle reclama á Xerencia da EOXI que comprobe os feitos denunciados e que adopte medidas reais e urxentes para que esta situación non se volva repetir, “e polo tanto non se sigan primando negocios privados e intereses persoais nin se siga deteriorando o sistema sanitario público galego que se ten demostrado hoxe e sempre de vital importancia para toda a sociedade”.