Denuncian os intentos de Ferrovial de boicotear a folga na limpeza do CHUO

Mediante presións ao persoal, ameazas á representación sindical e servizos mínimos abusivos
Ourense - 01 Feb 2018

O comité de folga de Ferrovial, concesionaria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), vén de denunciar publicamente os intentos da empresa de boicotear o paro indefinido convocado a partir do luns día 5 para rexeitar a sobrecarga de traballo que pretende impor a dirección.

Segundo explican dende a representación do persoal, a contrata do servizo de limpeza do CHUO está a adoitar unha actitude de sabotaxe da convocatoria de folga usando todos os medios ao seu alcance, dende presións ás traballadoras/es, ameazas á propia representación sindical ou a presentación duns servizos mínimos abusivos “que pretenden que traballe máis xente os días de folga que nas xornadas ordinarias”. 

A última manobra da empresa foi a contratación de 10 traballadoras/es

A última manobra contra o paro foi a contratación de 10  novas/os traballadoras/es, “o que consideramos que representa unha práctica de esquirolaxe de libro, polo que denunciaremos os feitos ante a Inspección de Traballo, ademais de valorar a posibilidade de actuacións xudiciais de carácter penal”.

Por outra banda, o comité de folga segue á espera de comprobar os servizos mínimos que decrete o Sergas finalmente para proceder, no caso de que se manteña a proposta inicial, á correspondente impugnación e solicitude de suspensión cautelar. Neste senso, critican que a Xerencia do CHUO rexeitase manter unha reunión para abordar esta cuestión.

Folga longa e dura

“Toda esta política de boicot ao dereito de folga feito por Ferrovial e polo propio Sergas non vai conseguir outra cousa que radicalizar as posicións e dificultar a posibilidade dunha saída negociada; semella que a empresa e a Administración apostan por unha folga longa e dura”, indican.

O cadro de persoal do servizo de limpeza do CHUO volverá mobilizarse este venres ás portas do hospital a partir das 10:00 horas, coincidindo co descanso para o bocadillo, mentres que posteriormente, ás 13:30 e 19:30 horas, celebrará as últimas asembleas antes da folga indefinida prevista para este luns día 5.