Denuncian presións e coaccións da dirección do aeroporto Rosalía de Castro ao persoal para que non secundara a folga

O comité de folga empraza o alcalde de Santiago a mediar para solucionar o conflito
Compostela - 20 Set 2019

Os servizos de restauración e de limpeza, as oficinas de atención a viaxeiros e viaxeiras das compañías aéreas, as papelerías de prensa, os servizos de embalaxes de maletas -e até os autobuses de Freire, que no canto de deixar ás persoas que subían ao aeroporto nas portas de entrada as deixaban máis abaixo en solidariedade co persoal do Rosalía de Castro en folga- amenceron esta mañá pechados na segunda xornada de paro convocada entre as 04:30 horas da madrugada e as 10:30 horas da mañá. Mesmo a porta de entrada do Camiño de Santiago en Lavacolla, a oficina de recepción de viaxeiros do Concello, anunciaba que permanecería pechada en horario de folga nas tres xornadas convocadas.

Porén, así como na primeira xornada non se rexistrou incidente algún, hoxe o comité de folga denunciaba as presións e coaccións do Director da terminal compostelá, Ricardo Navarro, a empresas e traballadoras/es para que non se secundaran os paros.

Tal foi así que mesmo chegou a darse un enfrontamento, diante do intento de impedir que as traballadoras do establecemento de prensa e revistas pecharan a tenda e se sumaran á concentración que nese intre se desenvolvía no andar de saídas.

Así o explicou Manuel Rendo, membro do comité de folga, quen fixo unha valoración moi positiva, “a pesar da represión que sufrimos por parte de AENA e dos seus responsábeis, co director do aeroporto de Santiago á cabeza. Non pode ser que nos tempos que corren que se coaccione á xente para que non exerza o seu dereito á folga. Parécenos incrible que estea pasando isto no aeroporto de Lavacolla. Queda claro que esta dirección non está á altura das circunstancias e que este aeroporto, se continúa con estes mandatarios, vai en declive”.

No mesmo sentido se pronunciou o tamén membro do comité de folga e portavoz, Pablo de Prado, que acusou a Ricardo Navarro de actuar como se o aeroporto fose a súa leira. “Esta é unha democracia e o que non pode ser é que unha persoa se comporte como se o aeroporto fora del, como se fora o seu dono. O aeroporto é unha empresa pública e o 51% é de todas e todos nós e como empresa pública debe sentar a dialogar”.

Na súa intervención, ao remate do paro, de Prado afirmou, dirixíndose a Navarro, que terá no seu currículo a dubidosa honra de “pasar á historia por ser o único director dun aeroporto do Estado español que conseguiu levar á folga a todo o persoal de todas as empresas e servizos no aeroporto de Santiago”, o que provocou un sonoro e unánime berro de “dimisión” das e dos concentrados.

A orixe do conflito: a demanda da cantina pola precariedade laboral instalada en Lavacolla

De Prado lembrou que esta folga iniciouse por un conflito coa cantina “porque AENA quere que desapareza e cobrarlle a todas as traballadoras e traballadores de todas as empresas, agás as de AENA, que son só 200 duns 1.100 que traballamos aquí, o mesmo prezo que o pasaxe. Iso é inasumible porque é xestionar a fame. Non pode un traballador pagar 15€ por comer, ou 2,20 por un café”.

O portavoz do comité de folga denunciou que o director foi incapaz de darlle saída e que foi a partir de aí cando saltaron o resto das cuestións: “o tema da sanidade do aeroporto, o tema do aparcamento, porque se lle está cobrando ao persoal cerca de 30 euros por vir traballar e despois aparece o tema da precariedade”, polos salarios de miseria que percibe moito do persoal de diferentes empresas. A isto engadiu que “nos servizos nocturnos as empresas non están cubrindo con todo o persoal necesario nun aeroporto H24 o cal pode afectar a un servizo de calidade aos avións e aos usuarios e usuarias”.

Por iso denunciou a deficiente  xestión da actual dirección do Rosalía de Castro e asegurou “tanto as traballadoras e traballadores como as propias empresas que operan no aeroporto de Santiago están disconformes” con ela. Lamentou que a súa única resposta “é a política do medo, porque o mando eu” e concluíu que “así non se pode xestionar unha empresa. Ese estilo de xestión non é propio de alguén que quere que o seu persoal estea contento e que funcione. Ese estilo de empresa mudou”.

De Prado fixo especial fincapé nas deficiencias do servizo sanitario e denunciou que o aeroporto de Santiago ten un servizo sanitario de 18 horas, pero que non se están cubrindo as baixas. “A dirección do aeroporto está intentando que ese servizo sanitario desapareza. Este é un servizo que temos todas as galegas neste aeroporto e debemos de loitar para que se manteña”.

Emprazamento ao alcalde de Santiago

O comité de folga emprazou a todos os membros da corporación municipal de Santiago, e nomdeadamente ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a visitar o aeroporto para ensinarlles a cantina e “como os servizos sanitarios están sendo ninguneados e suprimidos dunha maneira encuberta”.

A este respecto, o seu portavoz lembrou que hai unha semana mantiveran unha xuntanza con Bugallo na que “dixo que ía facer de mediador neste conflito, tanto co delegado do goberno como coa presidencia de AENA, que o faga e agardamos resultados e que na semana que vén nos dea algunha nova sobre os contactos que fixo para intentar crear unha mesa de diálogo onde nos xuntemos AENA, o comité de folga, e unha representación do concello”.

De Prado subliñou que o que quere o persoal é que, transcorridos máis de cinco meses desde que iniciaron as protestas, por fin se cree unha mesa de negociación “na que nos sentemos, sen ningún tipo de prexuízos, tanto os traballadores como o concello a falar con AENA”. Reiterou que os traballadores e traballadoras “ non temos ningún problema en sentarnos” e concluíu afirmando que “o que non pode ser é que esteamos xogando parece un partido de frontón porque aquí non hai con quen falar. Isto parece propio doutras épocas”.

Para o comité de folga é unha boa noticia que hoxe mesmo o delegado do goberno, Javier Losada,  manifestara o seu apoio ás demandas do persoal do aeroporto Rosalía de Castro e pedira a Aena "compaxinar" as actividades comerciais "coa calidade de vida" dos traballadores/as de Lavacolla.