Denuncian que a falta de persoal no Concello de Redondela afecta a atención e a calidade dos servizos

A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa lembran que 20 dos 160 postos existentes están sen cubrir
Redondela - 11 Nov 2022

Dende a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa do Concello de Redondela, órganos de representación dos traballadores/as funcionarios/as e laborais presididos pola CIG, denuncian que a falta de persoal está a incidir directamente na atención e calidade que recibe a cidadanía.

Segundo explican, o cadro de persoal está composto por 160 postos de traballo, para un municipio de case 30.000 habitantes, e fan fincapé en que hai varios concellos inferiores en poboación que teñen máis persoal a disposición. A isto hai que sumar que na actualidade haxa 20 postos de traballo (dotados orzamentariamente) que están sen cubrir. “Para nós algo inexplicable nunha situación de crise coma a que vive o país” sinalan. 

Ou se cumpren os acordos, neste caso tomado polo pleno, ou haberá conflito

Neste senso, lamentan que a pesar de que os sindicatos con representación no Concello achegaron unha moción ao pleno o pasado 8 de setembro na que se reclamaba a cobertura destas prazas e que foi aprobada cos votos a favor do PSOE, AER e BNG (coa “inexplicable e incomprensible” abstención do PP) “non houbo ningún movemento”.

E inciden en que esta situación agrávase de falta de persoal agrávase cando se producen baixas laborais ou outras circunstancias que reducen o número de traballadores/as, posto que na maioría dos casos non se substitúen. “Todo isto provoca unha sobrecarga de traballo no persoal en activo e un uso desmesurado das horas extras, que xa temos denunciado”. Até o punto de que este problemática xa fora advertida polo informe da empresa EOSA no ano 2018.

Ofertas de Emprego sen executar

Diante disto, e por “responsabilidade sindical e social” demandan unha decisión firme por parte do Goberno local para atallar esta situación. “Un concello coma Redondela non pode permitirse este problema nin pode perpetuarse no tempo; os sindicatos temos paciencia e posición dialogante, pero non estamos nin para calar nin para apandar con calquera situación; ou se cumpren os acordos, neste caso tomado polo pleno, ou haberá conflito”.

Por último, censuran que aínda estean sen executar completamente as Ofertas de Emprego dos anos 2017, 2019, 2020, 2021 e o proceso de estabilización do ano 2022 (que está ofertado pero non convocado), cun total de 21 prazas vacantes. “A representación sindical do Concello de Redondela solicita unha solución para ambos temas; non por intereses corporativistas nin persoais do cadro de traballadores/as, senón polos intereses da cidadanía redondelá, polo impulso do emprego público e pola calidade dos servizos”.