Denuncian que a sobrecarga de traballo nas gardas localizadas perxudica a profesionais e usuarios/as do hospital do Salnés

A CIG-Saúde reclama que se regulen este tipo de gardas e que se aumenten as presenciais
Vigo - 11 Out 2016
A federación de Saúde da CIG vén de denunciar que a sobrecarga de traballo durante as gardas localizadas no hospital do Salnés perxudica a profesionais e usuarios/as do centro médico. Dende a central nacionalista reclámanlle á Administración pública que aumente as gardas presenciais e que negocie unha norma para regular as localizadas.

Dende a CIG-Saúde explican que o hospital do Salnés non conta co radiólogo/a de garda física que a carga asistencial do centro (cunha media de máis de 100 urxencias ao día) xustificaría e que o resto de servizos o reclama.

“Este feito obriga os profesionais que están de garda localizada a desprazarse ao centro en numerosas ocasións e a prolongar a súa presenza durante varias horas para poder atender a demanda asistencial, realizando en realidade gardas presenciais encubertas”, indican.

Consideran que a Administración está a proveitarse da boa vontade dos profesionais, ao tempo que lembran que “nin sequera existe unha lexislación que regule minimamente o concepto de garda localizada”.

Ademais dos efectos económicos que provoca esta situación, critican que non se respecten os períodos obrigatorios de descanso entre xornadas e que, debido aos tempos de desprazamento dos profesionais, exista unha demora na realización das probas que incrementa os tempos de espera polos resultados. “Este feito resulta de especial relevancia cando se trata de patoloxías graves que requiren traslados ou intervencións urxentes nas que o tempo corre en contra do prognóstico do paciente; compararse con outros servizos de saúde como o vasco ou o asturiano (con gardas de presenza en todos os hospitais comarcais) resulta vergoñento”, sosteñen.

Diante disto, dende a CIG-Saúde esíxenlle á Xerencia da EOXI de Pontevedra e do Salnés que aumente as gardas de presenza, ao tempo qulle demandan ao Sergas que negocie na mesa sectorial unha norma que regule as gardas localizadas.