Denuncian que a Xunta “pon en risco a vida e saúde das/os axentes medio ambientais”

O persoal ten que utilizar vehículos en “estado lamentable”
Nacional - 20 Mar 2018

As organizacións sindicais con representación no colectivo de Axentes Medioambientais denunciaron perante a Inspección de Traballo á Xunta de Galiza por mor do lamentábel estado dos vehículos que teñen que utilizar estas traballadoras e traballadores. A raíz disto, máis unha vez a Inspección de Traballo require as consellarías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia polos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais.

En outubro de 2016 denunciouse ante a Inspección de Traballo o lamentable estado no que se atopan os vehículos das/os Axentes Medioambientais, sen sinalización como vehículo prioritario, con máis de 500.000 km e 15 anos, chasis soldados, con asentos rotos, sen aire acondicionado nin climatización, con remaches na carrocería, sen mans libres, nos que lles chove dentro, sen hixiene nin seguridade…, e a pesar de que a Inspección de Traballo fixera un requirimento a ambas consellarías no mes de abril do ano pasado, estas non acreditan o cumprimento de ningún dos puntos requiridos, facendo “caso omiso das indicacións dos técnicos de prevención”.

Por iso consideran que é lamentábel que unha vez máis sexa a Inspección de Traballo a que ten que requirir ás consellerías que os vehículos deben ter unhas condicións mínimas de seguridade. Unha cuestión que para as organizacións sindicais “é un grave incumprimento en materia de seguridade do persoal, e é unha irresponsabilidade por parte da Xunta”, que precisamente “debería dar exemplo cumprindo coa normativa de prevención de riscos laborais no canto de comportarse coma unha empresa pirata”.

Abandono do persoal

Alén disto denuncian que é unha constante por parte das consellerías do Medio Rural e da CMAOT o “abandono” do seu persoal, pola ausencia de seguridade e saúde dos traballadores tanto na non renovación do parque de vehículos coma non proporcionando roupa de traballo, sobre todo a de abrigo -a última entrega foi no ano 2008-. “Dez anos sen prendas que garantan que estas/es traballadoras/es que “están expostas/os a condicións climatolóxicas adversas conten coa debida protección, e de igual xeito que mercan o seu propio material vense obrigados a mercar roupa”.

As organizacións sindicais reclaman a inmediata renovación e dotación de medios materiais que son precisos para poder actuar con celeridade e seguridade contra o lume, con vehículos adaptados ás tarefas que se realizan e cos debidos Equipos de Protección Individual. Esa escaseza de medios quedou patente na Comisión de incendios no Parlamento de Galicia onde se retratou coma se teñen que mercar cos seus cartos ata cámaras de fototrampeo para poder realizar un traballo tan importante coma é o da investigación dos incendios forestais, traballo que a Xunta de Galicia debe considerar innecesario, posto que non dota nin de material nin de persoal ás BIIF (Brigadas de Investigación de Incendios Forestais).

Porén, denuncian que seguen sen contestación por parte da Dirección Xeral de Función Pública, que ten bloqueadas as negociacións dun acordo de condicións de traballo –o actual está caduco e obsoleto- que na actualidade obriga a estes traballadores a realizar quendas de traballo de máis de 12 horas de presenza física e en solitario, e a única maneira de atopar solucións ante a Xunta de Galicia está baseada nas denuncias en Inspección de Traballo e nos Xulgados.