Denuncian sancións e apercibimentos falsos a persoal de ambulancias de Santiago “para amedrentar”

A empresa incumpre a obriga de garantir unha axeitada desinfección dos uniformes
Compostela - 15 Xun 2018

Delegados/as da CIG do sector de ambulancias da Área de Santiago compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar os apercibimentos e sancións “falsas” e indiscriminadas a traballadores/as tanto de transporte urxente como non urxente por suposto “abandono de doentes". Xunto a isto denunciaron tamén o incumprimento da empresa de manter debidamente desinfectados os uniformes, tal e como se lle requiriu desde a Inspección de Traballo.

Segundo denunciou Herminio Rivas, delegado da CIG na Área Sanitaria de Santiago, hai máis dun ano que se veñen mantendo xuntanzas coa Xerencia do CHUS e máis coa empresa para que se regulara a mobilización de doentes por dentro das instalacións dos hospitais.

As traballadoras/es entenden que esa non é unha función que competa ao persoal de ambulancias e que terían que ser as celadoras e celadores quen o fixeran, máis cando “non estamos integrados na prevención de riscos do hospital, nin estamos formados no plan de continxencias”e cando como explicación se lles dixo que tiñan que facelo para así aforrar o SERGAS na contratación de máis celadores/as, explica Rivas.

Por iso na última xuntanza mantida coas partes o persoal de ambulancias deu un prazo para que se chegara a unha solución ao que se fixo caso omiso. Isto levou a que, desde hai dous meses, ao chegar á entrada do centro hospitalario quedaran agardando a que o persoal do hospital viñera recoller ás/aos doentes para levalos ao servizo correspondente.

A partir dese momento os traballadores/as comezaron a recibir apercibimentos e sancións por “abandono de doentes” a traballadores/as que nin sequera estaban realizando o servizo que se lles atribúe ou que mesmo estaban nese intre de vacacións.

Para o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, todas estas sancións son “inaceptábeis porque son falsas” e teñen como único obxectivo “amedrentar” ao persoal. “Non se fan para punir”, asegura, senón para “estender o medo”.

Limpeza de uniformes

Xunto a isto denunciaron tamén que a empresa está incumprindo a súa obriga de manter en condicións os uniformes. Neste sentido Herminio Rivas explica que comezaron hai tempo a exixir, en cumprimento da Lei de Seguridade no Traballo, “a limpeza dos uniformes ante riscos infecciosos” e que mesmo a Inspección de Traballo obrigou á empresa a cumprir con este requisito.

Diante disto, sinala que o que fixo a empresa foi contratar a unha lavandaría que despois entrega os uniformes a un traballador ou outro, sen ter en conta de quen é. “Intentan que os uniformes sexan colectivos cando son EPIS (Equipos de Protección Individual) e por iso teñen que estar adaptados á persoa que os porta. A modo de exemplo sinalan que non é o mesmo un uniforme XL para unha persoa que mida 1,80 que un XL para outra que mida 1,60. “A talla é a mesma, pero as medidas non”.

Tampouco teñen información de se as medidas de desinfección que se adoptan para riscos biolóxicos son as axeitadas e exixen, por iso, unhas mínimas garantías de protección.

A isto Pavón engade que os uniformes van nunhas determinadas condicións e que cando regresan veñen deteriorados. “Non sabemos se o están facendo adrede mal” sinala. O que si saben é que toda esta problemática retrata “un sector que funciona como economía somerxida”e que ten o seu persoal en “estado de abandono” do que responsabilizou tanto ás empresas como á consellaría de Sanidade, que é quen ten que garantir o correcto funcionamento deste servizo público.