Á CIG non lle serve ningún pacto que manteña o Decreto de Plurilingüismo e o veto ao noso idioma nas aulas

O acordo entre PP e PSdG deixa nas mans dos centros decidir en que materias segue prohibido o uso do galego e non reforza a súa presenza en etapas tan transcendentais como infantil e primaria
Nacional - 24 Set 2026

Nunha valoración de urxencia, e sen coñecer o contido do texto máis que polo que se publicou nos medios de comunicación, a CIG-Ensino critica que se sigan poñendo parches á nefasta política lingüística do Partido Popular que levou a que o galego sexa unha lingua estranxeira para boa parte da poboación galega.

Os datos do IGE da ausencia de uso e competencia do noso idioma por parte da poboación en idade escolar, e da sociedade en xeral, lonxe de facer reaccionar con urxencia á Xunta levouna a atrasar durante meses a aprobación do novo Plan Xeral e a deixar fóra a colectivos e entidades como a CIG, sindicato maioritario en todo o ensino público galego.

Agora, coa complicidade do PSdG, preséntase unha modificación a ese Plan que no que ten a ver co ensino, un dos factores que máis inflúe na desgaleguización da sociedade, non inclúe a principal reclamación que o sindicato mantivo durante todo este tempo: a derrogación do Decreto de Plurilingüismo, o cerne do devalo da nosa lingua desde o ano 2010.

Para a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, “ademais este novo pacto non implica levantar a prohibición do galego nalgunhas materiais e aínda por riba sitúa nos centros educativos e nos claustros a responsabilidade para que escollan en cales vai seguir vetado”.

Non se aposta polo galego como lingua vehicular

Arroxo sinala como especialmente preocupante a redacción que se dá en etapas tan transcendentais como infantil, onde segundo os medios, se di que o profesorado de educación infantil (faltaría por indicar se de 0 a 3, de 3 a 6 anos ou nos dous ciclos) "empregará nas aulas a lingua materna predominante entre o alumnado, tendo en conta tamén a lingua da contorna". "Poñerase especial atención a que en todos os ámbitos e, especialmente nas contornas urbanas e periurbanas, o galego se use tanto como o castelán, coa finalidade de que o alumnado adquira competencias equivalentes en ambas as dúas linguas", engádese.

Para Arroxo este apartado vén a ratificar que o castelán será a lingua vehicular predominante en máis do 90% das escolas infantís de Galiza, unha situación que incluso agora mesmo é máis favorábel ao galego e que o contacto co noso idioma para aquel alumnado que xa non o teña como lingua materna, porque xa a perderon tamén os seus pais e nais, será totalmente secundario. “Non apostar polo galego como lingua vehicular nas etapas de infantil e primaria supón a imposibilidade de reverter a actual situación”, salienta.

Outra etapa na que semella que os cambios non supoñen tampouco unha mellora, malia que a diagnose da Xunta é que claramente existía un problema, é a Formación Profesional. Segundo se recolle nas novas xornalísticas, engádese o obxectivo de concluír o ciclo formativo "con igualdade de competencias en ambas as dúas linguas" e "facilitar o desempeño profesional en lingua galega". Para a CIG-Ensino isto só é posíbel se se fai un esforzo moi importante por parte da Consellaría de Educación para fornecer de recursos didácticos en galego a estas ensinanzas, algo que contrasta coa eliminación das licenzas por formación retribuídas para a elaboración destes materiais no noso idioma hai agora dous anos.

Por último, a temporalización que se fai da entrada en vigor deste pacto “non fai máis que reafirmar a intención de que a morte do galego sexa por inacción. Fálase de que estas medidas estean en vigor a comezos do curso 28/29, cando apenas queden redutos de nenos e nenas galego falantes ao ritmo tan veloz que se está perdendo competencia e uso lingüístico.”

Cómpre a implicación directa de profesorado, familias e alumnado na ILP polo galego

Como alternativa a esta estratexia planificada e pactada agora co PSdG de non poñer as medidas necesarias para sacar o galego da situación de emerxencia ao que o levaron as políticas da Xunta, a CIG-Ensino recorda que formou parte dos grupos de traballo para a elaboración do Protocolo Lingua Vital no que participaron arredor de 500 entidades e que inclúe 300 medidas en todos os ámbitos sociais, económicos e culturais para darlle a volta a esta situación.

Así mesmo, a CIG vén de rexistrar no Parlamento galego, xunto con outras entidades, unha Iniciativa Lexislativa Popular co mesmo obxectivo. A central nacionalista anima a profesorado, familias e alumnado a implicarse na recollida de sinaturas para que os grupos parlamentarios que hoxe deron este paso “rectifiquen, propoñan a inmediata derrogación do Decreto de Plurlingüismo e se implementen este mesmo curso as principais medidas necesarias para revivir a nosa lingua antes de que sexa demasiado tarde”.